Serafín Otero: Potenciaremos o transporte colectivo para facer de Vigo unha cidade máis sostible
O candidato nacionalista salientou que Vigo precisa unha nova política de mobilidade fronte a falta de preocupación amosada durante anos polo goberno municipal socialista
Vigo, 21 de maio de 2015.- O cabeza de lista do BNG Asembleas Abertas, Serafín Otero, subliñou a aposta polo transporte público de calidade, sostible e que estea á altura das circunstancias dunha cidade como Vigo. Partindo da idea de que o transporte é un servizo público e tendo en conta a situación alarmante de exclusión social afirmou que a primeira medida que implantaría o Bloque é o bono gratuíto para as persoas desempregadas con escasos recursos.
O transporte público nos últimos anos practicamente estivo abandonado por parte do goberno municipal, denunciou o candidato nacionalista, quen criticou que nos últimos anos non fixeron nin propostas, nin ningún tipo de cambios para mellorar o transporte colectivo da cidade.
Segundo destacou Otero, as últimas melloras feitas nos consta que foron as realizadas polo BNG, en referencia á posta en marcha do bonobús universal, o modelo de liñas circulares e a implantación de outras medidas como o transbordo gratuíto.
Serafín Otero comentou asemade as críticas realizadas por veciños e veciñas sobre as carencias do transporte en relación as conexións insuficientes cos barrios e as parroquias a traxectos demasiado longos, escasas frecuencias e excesivos tempos de espera. Ao respecto criticou que algunhas liñas que fan o seu percorrido polas parroquias teñen unha frecuencia superior a unha hora e afirmou que Beade ou Matamá se atopan en situación de total precariedade.
Cómpre poñer en marcha un novo mapa de liñas, que estea tamén ao servizo das parroquias, subliñou o candidato do Bloque, e que contemple a ampliación do servizo a aquelas zonas que carecen del ou que é insuficiente, como o caso do hospital Meixoeiro e a Universidade. Neste sentido referiuse asemade á ampliación de liñas con chegada e saída ao aeroporto, coincidindo cos voos de saída e de entrada, e ao novo hospital de Beade, co obxectivo de dar cobertura tanto a pacientes como a traballadores e traballadoras.
Serafín Otero incidíu na necesidade de aumentar as frecuencias das conexións, para cumprir o obxectivo de que o tempo de agarda non pase dos 10 ou 15 minutos. Ao respecto criticou que algunhas liñas que fan o seu percorrido polas parroquias teñen unha frecuencia superior a unha hora, o cal considerou inadmisible.
Ademais da implantación urxente do bonobús gratuito para persoas desempregadas en risco de exclusión, destacou que o BNG aposta pola redución do prezo do bono estudantil e do bono universitario. A mellora do sistemas de información para a planificación de rutas en tempo real é outras das iniciativas do Bloque. Esta información só existe na web de Vitrasa e pensamos que debe figurar tamén na web do Concello, sinalou ao respecto.