O Bloque reclamará no vindeiro pleno que as vivendas municipais teñan un uso social
Iolanda Veloso anuncia que na Xerencia de Urbanismo de mañá o Bloque votará en contra da venda dos pisos de República Arxentina
Vigo, 6 de marzo de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, avanzou que no vindeiro pleno o grupo nacionalista presentará unha moción reclamando que o goberno destine a usos sociais as vivendas de propiedade municipal da rúa República Arxentina. Para Veloso esta medida é indispensable tendo en conta que no 2013 houbo 530 desafiuzamentos, o dobre que en 2008, cando comezou a crise, apuntou.
Nesta situación non entendemos que o Concello de Vigo teña 40 vivendas e as vaia malvender para expropiar uns terreos que non deberían expropiarse así, destacou a voceira nacionalista, ao tempo que sinalou que a maioría dos desafiuzamentos que se producen actualmente é por impago dos alugueres, e non por execucións hipotecarias como hai uns anos.
Iolanda Veloso criticou que o desbloqueo dunha dotación tan necesaria para Vigo como é a Cidade da Xustiza, e que leva anos paralizada polos constantes enfrontamentos entre a Xunta e o Concello, pase por un acordo entre PP e PSOE que implica malvender estas vivendas municipais. Reclamaremos no pleno que se dediquen a usos sociais e na Xerencia de Urbanismo de mañá votaremos en contra, subliñou.
A portavoz do Bloque lembrou que en febreiro de 2009 o alcalde asegurou que en 18 meses estarían expropiados os terreos para poñer en marcha a Cidade da Xustiza e que Urbanismo desestimou a vía da compensación porque era un trámite moi lento. Parece que a outra opción non era máis rápida, evidentemente, ironizou, recordando que a expropiación pola vía da supramunicipalidade tampouco prosperou. Pola contra, temos que asumir a expropiación todos os vigueses e viguesas, criticou.
Esquivando a resposta
Recordou asemade que en xuño do ano pasado o BNG preguntou na propia xerencia de urbanismo polo uso que o goberno local pretendía darlle a estes pisos municipais e a resposta foi "está en estudo". Asemade, nun consello extraordinario celebrado no mes de outubro a concelleira de urbanismo volveu esquivar a resposta limitándose a expoñer os longos trámites de regularización da propiedade destas vivendas.
Segundo sinalou a voceira nacionalista a única resposta contundente que deu foi que os pisos 'serán para uso dos vigueses', pero agora parece que isto xa non vai ser así, denunciou. Agora o PSOE e o PP coinciden en desprenderse do patrimonio municipal malvendéndoo para obter os cartos que paguen os terreos da Cidade de Xustiza, criticou.
Cidade en mans do PP
O PP está cargando nos orzamentos da cidade, e polo tanto nos petos dos vigueses e viguesas, as competencias do Partido Popular na Xunta e no goberno do Estado, denunciou Iolanda Veloso, quen sinalou que os populares rexeitan nos plenos reclamar a estas administracións que cumpran os seus compromisos coa cidade. E pola súa banda, o PSOE decidiu deixar a cidade en mans do PP, engadiu.
Non entendemos que este acordo sexa beneficioso para a cidade, pero tampouco entendemos que agora diga que demostra ter capacidade de diálogo, porque se tivera esa capacidade non habería tantos temas paralizados, manifestou. Neste sentido preguntouse se maior capacidade de diálogo é buscar máis titulares nos medios ou máis fotos.
Sereos
A min gustaríame saber se van poñer enriba da mesa o tema de Sereos, porque parece que non lle interesa nin a PP nin a PSOE, lamentou a responsable nacionalista. A nós preocúpanos esta cuestión, salientou.