Veloso: “A rectificación da Deputación demostra que si é posible incluir a nen@s con diversidade"

Veloso: “A rectificación da Deputación demostra que si é posible incluir a nen@s con diversidade"

Tras o anuncio de corrección da convocatoria dos campamentos que organiza a Deputación de Pontevedra, Iolanda Veloso destacou que esta rectificación “demostra que si é posible incluir ás crianzas con diversidade funcional nestas actividades”. Segundo destacou a portavoz municipal do BNG e deputada provincial, “só facía falta ser consciente do erro e querer corrixilo”.

“Efectivamente rectificar é de sabios, pero é lamentable que se produzan estas discriminacións a estas alturas”, destacou Iolanda Veloso, especialmente cando se trata dunha administración pública que “precisamente debe velar pola igualdade de oportunidades de todos os nenos e nenas”.

A portavoz nacionalista manifestou que para o BNG é unha satisfacción que a Deputación corrixa a convocatoria dos campamentos coa inclusión dun novo texto novo elaborado por Foanpas. Neste sentido salientou o “gran traballo” que realiza a Federación viguesa de Anpas a prol da calidade no ensino e da igualdade de oportunidades, así como da comisión Neae, que defende os dereitos dos nenos e nenas con diversidade funcional fronte aos recortes.

Insensibilidade

Porén Iolanda Veloso lamentou que os recortes que leva a cabo o PP nas administracións que goberna, e particularmente nas áreas de sanidade e educación, afectan “de maneira máis grave” aos nenos e nenas con diversidade funcional. “Aínda que os populares rectificaron neste caso, cos recortes que deciden amosan unha total insensibilidade a respecto das persoas máis febles da sociedade”, defendeu.

“Como xa dicía onte, correxir esta tremenda discriminación é a única resposta válida a esta lamentable situación. Agora quédanos esixir que rectifiquen xa a convocatoria dos campamentos na páxina web e que non volvan a propiciar a exclusión das persoas con diversidade funcional”, subliñou Veloso.

Veloso: “A rectificación da Deputación demostra que si é posible incluir a nen@s con diversidade"