[Vídeo] Discurso do concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, no pleno constitutivo do Concello de Vigo
Reprodúcese a continuación a intervención pronunciada polo concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, durante a presentación da súa candidatura á alcaldía na sesión constituínte do Pleno do Concello de Vigo, decorrida na mañá do sábado 15 de xuño de 2019.
Bo día,
Quero principiar esta intervención expresando o apoio do Bloque Nacionalista Galego ao colectivo de bombeiros da nosa cidade, que veñen de realizar unha acción de protesta diante deste edificio despois de meses reclamando que se actúe para resolver a súa situación límite. Este reclamo é, na nosa opinión, unha das principais prioridades que o novo Goberno municipal que sairá deste pleno debe atender: asegurar o dereito das viguesas e os vigueses a ter un corpo de bombeiros suficientemente dotado de persoal para garantir a seguridade de todos e todas.
A cidadanía de Vigo expresou libremente a súa vontade o pasado 26 de maio. Das urnas saíu, como é evidente, un reforzamento da maioría absoluta do PSOE. Mais tamén é claro que as viguesas e os vigueses apostaron colectivamente por unha corporación municipal máis plural, co retorno do BNG, facendo que haxa 4 forzas políticas onde había 3. En democracia o respeito aos resultados electorais é unha condición imprescindíbel. Por iso un pleno máis plural, como o que escolleron as viguesas e os vigueses, terá que ser, si ou si, un pleno con máis voces, nunca con menos.
Un principio que terá que cristalizar tamén na configuración organizativa deste Pleno. Porque as 8461 persoas que votando Bloque elixiron a este concelleiro, teñen dereito a ter unha voz propia, con plena capacidade para exercer a súa función representativa no que atinxe á participación nos debates e na promoción de iniciativas políticas perante este Pleno.
Trátase dunha obviedade democrática, que porén quero remarcar para que ninguén se vexa tentado de adulterar pola vía administrativa un resultado electoral, nin devaluar a tradución institucional e política dos votos de millares de viguesas e vigueses.
Respeitando a alargada maioría absoluta que con toda certeza vai configurar hoxe un novo Goberno municipal, desde o BNG queremos advertir que non se pode confundir esa maioría, lexítima e democrática, cun cheque en branco. E que o exercicio desa maioría no Concello de Vigo non pode ser un rodete antidemocrático como o que aplica o Partido Popular no Parlamento de Galiza, e que todas as forzas diferentes ao PP neste Pleno criticamos e combatemos no Pazo do Hórreo.
Unha maioría absoluta, por abultada que for, non exime da obriga democrática de considerar as propostas que se formulen por parte doutros grupos. Non é unha licenza para a xordeira institucional, nin tampouco unha bula para actuar con tics autoritarios. O diálogo é un imperativo democrático, tamén o diálogo entre maiorías e minorías, porque o cometido desta Corporación Municipal non é gobernar para as 100 mil persoas que votaron o grupo maioritario, senón para as preto de 300 mil viguesas e vigueses.
Por iso, a pregunta que teremos que responder colectiva e colexiadamente esta Corporación Municipal nos próximos 4 anos é que cidade queremos construír. Sabendo que a cidade é tarefa de todos e de todas, inda que as responsabilidades non sexan as mesmas entre quen exerza o goberno e a quen lle corresponda desempeñar a labor de oposición.
Desde o Bloque Nacionalista Galego cremos que darmos resposta a esa pregunta exixe antes de máis nada que volva haber política municipal en Vigo, que acabe o permanente pim-pam-pum que definiu o mandato anterior, que se poña fin á confrontación pola confrontación.
Nós dixemos durante a campaña electoral que non iamos regresar neste Pleno a mazar, se me permiten a expresión, nin contra Abel Caballero nin contra ninguén. O BNG vimos a mazar nos problemas e nas necesidades reais da cidade, contribuíndo con propostas en positivo e con alternativas concretas para que se atenda o que realmente preocupa ás viguesas e aos vigueses, para que se atendan os nosos barrios e as nosas parroquias. Esa vai ser a nosa perspectiva de traballo durante os próximos catro anos: achegar solucións en positivo ás necesidades da cidade.
Nós dicimos que o Vigo que temos que construír ten que ser unha cidade para o pobo, unha cidade de iguais e unha cidade que sexa motor de todo un País.
Unha cidade para o pobo, partindo dunha concepción algo diferente do que é a propia cidade. Fronte a quen a reduce a un espazo ou un territorio, nós concibimos a cidade como unha comunidade humana. E desde esa concepción defenderemos que se poña no centro da política municipal as necesidades e aspiracións das persoas. Que Vigo, non pode ser só dinoseto, luces de nadal ou actuacións na superficie urbana. Que Vigo somos as viguesas e os viguesas, as mulleres e homes, que traballamos e vivimos nesta cidade.
Por iso defendemos un modelo de cidade máis habitábel e sustentábel. Democratizando o espazo público, como logramos facer coas peonalizacións da praza da Independencia ou do Calvario, para que as persoas gañemos espazo sobre os coches, para poder gozarmos das nosas rúas e dos nosos barrios.
Mais iso exixe tamén revolucionar a mobilidade na cidade, apostando nunha mobilidade sustentábel e moderna, mellorando de maneira substancial o servizo de autobús urbano, cun novo mapa de liñas que conecte mellor toda a cidade, con máis frecuencias e con tarifas máis baixas.
O BNG queremos humanizar Vigo, si, pero humanizar de verdade, despregando un xiro de 180º na política cultural. Unha cultura para o pobo, facendo accesíbel todas as manifestacións culturais ás clases populares. Levando a cultura aos nosos barrios e parroquias, recuperando o sen número de programas culturais que feneceron nos últimos anos. E afirmando con orgullo que somos cultura e que temos lingua.
Poñendo fin á exclusión dos nosos artistas e creadoras dos programas das festas. Facendo que a Rede Museísitca sexa tal e non unha suma de contedores sen contido. Abrindo o Centro de Arte Fotográfica de Vigo ou recuperando o MARCO como espazo expositivo de arte comtemporánea. Poñendo en marcha a Rede municipal de Bibliotecas que o BNG comezamos coa biblioteca Neira Vilas. E pulando pola normalización e promoción do uso do galego na nosa cidade, a principiar tamén por cumprir a Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística nas propias sesións plenarias.
Unha cidade reconciliada co seu medio natural, recuperando e aumentando a protección dos nosos montes, do Río Lagares e da nosa faixa litoral. Declarando Vigo cidade libre de eucalipto e dicindo rotundamente NON a ningún novo recheo na Ría de Vigo.
Queremos un Vigo de iguais. De xustiza social. Facendo do combate da pobreza e o empobrecemento, nunha cidade con 61 mil persoas en risco de exclusión social, unha verdadeira prioridade. Sabendo que non poderemos dicir que temos unha cidade humanizada mentres haxa unha soa persoa que se vexa obrigada a mal vivir, e mesmo a mal morrer, nas súas rúas, nun caixeiro ou nun parque.
Unha cidade na que non se volva producir nin un só desfiuzamento máis sen alternativa habitacional digna, como sucedeu onte mesmo no Chouzo, mentres segue habendo 18500 vivendas baleiras, na súa maioría en mans da Sareb e da banca privada rescatada con cartos públicos. Unha cidade que non teña os seus servizos sociais municipais colapsados e que diante da insuficiencia de axudas como a RISGA, que non garanten a subsistencia material, poña en marcha unha Renda Social Municipal.
Unha cidade con emprego digno e con dereitos. Cun Concello que actúe con decisión no principal problema social que é o desemprego e a brutal precariedade nunha cidade con 22 mil persoas no paro e na que hoxe hai 10 mil postos de traballo menos que no 2009.
E iso pasa por duplicar o Plan Municipal de Emprego, por potenciar o Vigo Emprega, por crear máis emprego público e por poñer en marcha un Plan de Choque contra o Desemprego Xuvenil para acabar coa expulsión forzosa de millares de mozas e mozos á emigración por falla de oportunidades.
Unha cidade de iguais que aplicando políticas radicalmente feministas atenda o mandato dos masivos 8 de marzo que nos urxen a derrubar dunha vez por todas o patriarcado. Non abonda con feminismo declarativo, ou de xestos. Queremos feminismo efectivo, que se despregue en todas as políticas municipais, e que poña en marcha novos centros de información ás mulleres, que dote de máis medios o Centro de Emerxencia, que volva converter a Casa da Muller nun axente activo para combater o machismo desde a súa raiceira ideolóxica.
Fronte á obsesión que padecemos nos últimos catro anos de empequenecer Vigo, de enfrontarnos contra todos por todo, nós queremos un Vigo referencial. Entendendo algo moi importante: que sermos viguesas e vigueses non é nada máis nin nada menos que o xeito de sermos galegas e galegos en Vigo. Por iso nós queremos un Vigo que lidere, desde a cooperación, a posta en marcha da súa Área Metropolitana. Por iso queremos facer de Vigo o motor de todo un País. Un motor de cambio para Galiza. Volvendo ser o seu vigoroso pulmón industrial e converténdonos na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións: nunha vizosa capital galega do futuro.
E ese propósito exixe de diálogo institucional, de cooperación, mais tamén de firmeza, para exixir con rotundidade que cese a política de abandono que a Xunta do Partido Popular aplica contra a principal cidade de Galiza, e reclamando do Goberno do Estado que atenda dunha vez por todas as necesidades de Vigo.
Estas serán as premisas coas que o BNG contribuiremos a volver facer avanzar a cidade e a darlle o novo impulso que Vigo necesita.
Moito obrigado.