O BNG acusa a PP e PSOE de tapar cun paripé a súa falta de interese para que o Porto sexa nodal
Tras a votación que tivo lugar esta mañá no Parlamento europeo, a secretaria de Política Internacional do BNG, Ana Miranda, acusou a PP e PSOE de querer tapar a última hora a súa falta de interese e de xestión en beneficio da infraestrutura viguesa, presentando unha emenda que sabían que decaería e non sería votada na sesión de hoxe.
Xa avisamos que no plenario dos trílogos, que se está celebrando estes días, o procedemento e os compromisos acadados pechaban calquera posibilidade de votación de emendas individuais, destacou Ana Miranda, quen explicou que eses acordos vótanse en bloque e o Porto de Vigo non estaba incluído. Asegurou ao respecto que calquera eurodeputado coñece o procedemento e sabe que hoxe ía haber un apoio maioritario aos compromisos, como así foi.
A secretaria de Política Internacional nacionalista lembrou que o BNG vén reclamando desde hai meses un compromiso político real do goberno estatal para que Vigo estivera nas infraestruturas principais das redes europeasde transporte. Avisamos desde hai tempo que só unindo esforzos poderíamos acadar este obxectivo, pero os feitos demóstranos que nin PP nin PSOE ftraballaron nos seus grupos para conseguilo, denunciou.
Neste sentido, para o BNG non só o grupo popular é causante de que o Porto de Vigo quedara definitivamente excluído desta rede ao non presionar suficientemente nos trílogos. Segundo Ana Miranda, a prioridade que lle deu o exministro José Blanco a outros portos do Estado en lugar do porto de Vigo, tamén xogou un papel fundamental nesta situación ao non incluílo inicialmente como principal e si como secundario.
A secretaria de Política Internacional do BNG lembrou que precisamente para acadar ese fronte común para defender o Porto de Vigo remitiu unha carta aos portavoces do PP e do PSOE na Comisión de Transportes da Eurocámara. Nesa iniciativa o noso obxectivo non era se votara a nosa emenda, senón lograr colocar ao Porto vigués no primeiro nivel, porque considerabamos que era unha cuestión de país, mais xa vemos que eles non o consideraron así, subliñou Miranda ao respecto.
Perda de financiamento
A Rede Transeuropea de Transportes (RTE-T) recolle a folla de ruta en materia de infraestruturas marítimas, ferroviarias, aéreas e por estrada para os vindeiros anos, e a súa categoría principal ou nodal acapara o 85% dos fondos, por iso era tan importante para o Porto de Vigo estar nese nivel, concluíu a secretaria de Política Internacional do BNG.