O BNG chama a mocidade a protagonizar o cambio galego para deixar atrás o paro, a precariedade e a emigración
"A mocidade non só somos o futuro, temos dereito a ter un presente digno", defenden as integrantes da candidatura nacionalista Paulo Ríos ‘Kai’, Brais Ruanova e Marta Gómez
O Bloque Nacionalista Galego chama á mocidade a protagonizar o cambio galego este 18 de febreiro para deixar atrás o paro, a precariedade e a emigración: Así o defenderon as integrantes da candidatura nacionalista Paulo Ríos ‘Kai’, Brais Ruanova e Marta Gómez, nun encontro con mozas e mozos en Vigo no que trasladaron as liñas de actuación nesta materia dun futuro Goberno galego liderado por Ana Pontón.
“A imposibilidade de acceder a unha vivenda digna e as dificultades para se emancipar, a vulneración dos nosos dereitos lingüísticos en todos os ámbitos das nosas vidas, a precariedade laboral que caracteriza o mercado de traballo, a falta dun ensino de calidade e de alternativas de ocio fóra do consumo ou unha axeitada atención da saúde mental, son só algúns dos exemplos da realidade na que viven as mozas e mozos galegos”, denunciou Ríos.
Fronte a estas situacións, a candidatura nacionalista pediu á mocidade non caer na resignación e apostar pola alternativa do BNG nas eleccións galegas do 18F. “Son posíbeis política centradas nos seus intereses no presente e no futuro, contando coa participación de todas e todos para garantir un futuro digno na nosa terra”, defendeu, lembrando que “a mocidade non só somos o futuro, temos dereito a ter un presente digno".
Ríos alertou da “emerxencia provocada polas nefastas políticas do PP”, en particular no relativo á precariedade laboral. “Ter hoxe un contrato indefinido ou simplemente ter emprego non garante á mocidade desenvolver un proxecto de vida”, lamentou, destacando a fenda salarial do 20% nos salarios da mocidade. “A única posibilidade que nos ofreceu nestes 15 anos de Goberno do PP a esta precariedade foi coller as maletas cara á emigración”, afirmou.
Vivenda a prezos asequíbeis
Sobre os problemas de acceso á vivenda, o candidato Brais Ruanova trasladou o compromiso do Bloque de mobilizar as miles de inmóbeis baleiros en Galiza, boa parte deles en mans de grandes tenedores como a banca ou fondos de investimento, para crear un parque público de vivenda asequíbel en alugueiro acompañada dun Plan de Emancipación que facilite o acceso da mocidade. “Fronte aos prezos imposíbeis e as políticas de abandono do PP temos unha oportunidade histórica o 18F da man de Ana Pontón”, apostou.
Ocio alternativo
Outro dos eixos ten a ver co actual modelo de ocio, enfocado principalmente ao consumo. “Ao PP non lle interesa desenvolver outras alternativas de lecer”, criticou a candidata Marta Gómez, quen trasladou propostas como o plan de ocio ‘Fóra do testo’, que fomente iniciativas nacidas e pensadas dende a mocidade e destinadas a ela; crear un plan de impulso do asociacionismo xuvenil “Faino Colectivo” co fin de sumar á mocidade galega á participación social e desenvolver o plan ‘Galicrea’ para o fomento e apoio na creación cultural para a mocidade nas súas diversas expresións.
Participación da mocidade
De cara a deseñar estas políticas, a candidatura do BNG considerou “imprescindíbel” escoitar e contar coa participación da propia mocidade, reactivando o Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galiza, sen actividade dende o ano 2014.