O BNG compromete máis recursos para atender a saúde mental: “Hai máis suicidios que psicólogos na sanidade pública”
A fronte nacionalista reforzará o persoal na Atención Primaria, onde 1 de cada 3 consultas están relacionadas coa saúde mental, e que acumula listas de agarda de até un ano
Brais Ruanova: “Este 18F temos a grande oportunidade de que a saúde mental deixe de depender da nosa conta bancaria para ser unha auténtica prioridade na sanidade pública”
O portavoz municipal Xabier P. Igrexas alerta de que a área sanitaria de Vigo rematou 2023 cun récord de case 70 mil consultas psiquiátricas e un 20% máis de ingresos hospitalarios relacionados coa saúde mental
O Bloque Nacionalista Galego compromete máis recursos e persoal para atender a saúde mental na sanidade público. Así o anunciou este xoves o candidato vigués Brais Ruanova xunto co portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, quen trasladaron a necesidade de reverter as políticas sanitarias do PP nos últimos 15 anos que provocaron o “desmantelamento e colapso” da Atención Primaria.
“A saúde mental ten que deixar de ser un elemento secundario no noso sistema sanitario para transformalo nunha prioridade pública”, afirmou Ruanova, chamando a abordar de forma “transversal e integral” a saúde mental, que afecta de maneira crónica ao 23% da poboación galega. “Galiza xunto con Asturias ten as taxas de suicidio máis elevadas de todo o Estado español, temos máis casos que psicólogos na sanidade pública a pesar de que é xa a segunda causa de morte entre a xente moza”, lamentou.
O candidato nacionalista asegurou que estes datos evidencian que son “miles as galegas e galegos que están pedindo axuda e ás que as institucións non poden virarlle as costas”. Nese sentido, advertiu de que a falla de recursos para atender a saúde mental agrava a “saturación” da Atención Primaria, onde 1 de cada 3 consultas na actualidade están relacionadas con doenzas de saúde mental. “Temos listas de agarda interminábeis, con 9.000 persoas esperando até un ano por unha primeira consulta con psiquiatría ou psicoloxía”, afirmou.
Un incremento de medios que, consideran dende a fronte nacionalista, servirá para dimensionar o persoal de psicoloxía clínica para contar con mínimo 12 profesionais por cada 100 mil habitantes, na media europea. Aliás, apostou por incorporar no sistema público outras especialidades como o traballo social e a terapia ocupacional para enfrontar as causas do aumento de doenzas de saúde mental.
“Este 18 de febreiro temos a grande oportunidade de que a saúde mental deixe de depender da nosa conta bancaria para ser unha auténtica prioridade na sanidade pública”, defendeu o candidato do Bloque.
Enfrontar as causas da saúde mental
Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG alertou de que a área sanitaria de Vigo rematou 2023 cun récord de case 70 mil consultas psiquiátricas e un 20% máis de ingresos hospitalarios relacionados coa saúde mental. “Por iso o noso compromiso é firme para dotar de máis medios a rede sanitaria pública”, salientou.
Porén, Igrexas chamou tamén a abordar os problemas que están detrás do aumento dos casos de doenzas de saúde mental. “Moitos teñen causas nas condicións materiais de vida da maioría social”, asegurou. “Cando tes máis mes que salario, non atopas un alugueiro accesíbel, non hai praza dispoñíbel de escola infantil para a túa crianza ou unha residencia pública para a túa nai ou o teu pai, cando o único que se por parte das administracións é a desesperanza, ninguén pode aguantar”, dixo, asegurando que un Goberno presidido por Ana Pontón porá “os coidados no centro para garantir a todas e todos o dereito a vivir e non apenas a sobrevivir”.