O BNG comprométese a poñer “punto e final” ás políticas de desmantelamento do ensino público

Foto_Encontro ensino BNG 2

A fronte nacionalista desde o Goberno galego reducirá as ratios de alumnado por aula; recuperará a gratuidade dos libros de texto; asumirá os servizos de comedor, transporte e extraescolares como servizos esenciais; dotará de máis medios os centros para atención do alumado NEAE e porá fin ao modelo “galegófobo” imposto polo PP

Carmela González: “Unha Xunta de Galiza presidida por Ana Pontón garantirá o dereito a un ensino público, universal, gratuíto e de calidade desde os 0 até os 18 anos”

Xabier P. Igrexas: "O actual modelo educativo, imposto polo PP ao ditado da ultradereita españolista e galegófoba, o que está a provocar en cidades como Vigo é que crianzas que entran na escola falando galego saian falando só español”

O BNG comprométese a poñer “punto e final” ás políticas de desmantelamento do ensino público

O Bloque Nacionalista Galego afirmou esta tarde en Vigo o seu firme compromiso para poñer “punto e final” ás políticas de desmantelamento do ensino público aplicadas nos últimos 15 anos pola Xunta de Galiza.

Así o trasladou a candidata ao Parlamento galego, Carmela González, nun encontro sectorial no que participaron representantes do profesorado, ANPAs e estudantado e no que estivo acompañada polo portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. Nel presentáronse as principais liñas de acción previstas no programa de goberno do BNG para un novo modelo educativo.

“Unha Xunta de Galiza presidida por Ana Pontón garantirá o dereito a un ensino público, universal, gratuíto e de calidade desde os 0 até os 18 anos”, resumiu a candidata que criticou as políticas privatizadoras do PP que “roubaron recursos do ensino público para os meter nos petos das empresas do ensino privado-concertado”.

González expresou o compromiso do BNG por fortalecer o ensino público dotándoo de máis medios e persoal, pero tamén aplicando medidas como a redución de ratios do alumnado por aula co obxectivo de ofrecer un ensino de maior calidade. No concreto, explicitou que un Goberno galego liderado por Ana Pontón reducirá, xa no vindeiro curso 2024-25, a 20 o número máximo de alumnas/os por aula en educación infantil e primaria, 25 na ESO, 30 en Bacharelato e 15 na FP básica presencial.

Un novo Goberno galego presidido polo BNG fará que os agora “malchamados servizos complementarios” sexan asumidos pola Xunta de Galiza como “servizos esenciais”, garantindo que todos os centros educativos públicos dispoñan de transporte escolar, servizo de comedor, aula matinal e oferta de actividades extraescolares. Nese mesmo sentido, González remarcou o compromiso do BNG por recuperar a gratuidade dos libros do texto e materiais didácticos.

A mellora da atención á diversidade funcional, despregando moitos máis medios e recursos para o alumnado NEAE, así como o reforzamento das orientacións e do apoio psico-social nos propios centros educativos son outras das medidas incluídas no programa nacionalista.

Poñer fin ao ensino desgaleguizador

De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou a necesidade urxente de modificar o actual deseño “desgaleguizador” do ensino público. “Fronte a un Partido Popular que prohibiu que se poidan impartir matemáticas ou ciencias en galego, cun decreto cinicamente chamado de plurilingüismo, o BNG apostamos porque o ensino público sexa un axente activo na plena normalización do noso idioma”, explicou.

Diante da perda de falantes, que se fai sentir especialmente en ámbitos urbanos, apostan porque as aulas deixen de ser espazos vetados para a nosa lingua propia. “O actual modelo, imposto polo PP ao ditado da ultradereita españolista e galegófoba, o que está a provocar en cidades como Vigo é que crianzas que entran na escola falando galego saian falando só español”, sinalou.

 

“Como persoa neofalante a única decisión que puiden tomar en liberdade foi a de pasar a usar en toda a miña vida o noso idioma, pero esa liberdade esixe que no ensino público se garanta que o alumnado remata a súa formación con plenas competencias lingüísticas en galego, algo que hoxe non sucede”, reivindicou.

O BNG comprométese a poñer “punto e final” ás políticas de desmantelamento do ensino público