O BNG impulsará unha estratexia en defensa da pesca e do marisqueo galego fronte ao “afundimento” provocado polo PP
A fronte nacionalista comprométese a poñer en marcha un Plan de Recuperación das Rías para reverter a perda de produtividade e a destrución da frota e dos empregos
Carmela González: “Unha Xunta presidida por Ana Pontón será un Goberno coas mans libres para defender o noso mar tanto en Galiza como en Madrid e Bruxelas”
Ana Miranda: “O PP non fixo nada para defender o noso papel como nación dependente da pesca en Europa, deixando tirado ao sector nas axudas e no reparto das cotas”
O Bloque Nacionalista Galego impulsará unha estratexia en defensa da pesca e do marisqueo galego como piares produtivos fronte ao “afundimento” provocado polo PP. Así se comprometeu este venres en Vigo a candidata Carmela González xunto coa eurodeputada do BNG, Ana Miranda, lembrando que o sector do mar é “estratéxico” en Galiza, sendo a cuarta actividade económica e con 64 mil empregos, dos que a metade se sitúan na área de Vigo.
“A situación da pesca e do marisqueo despois de 15 anos de Goberno galego do PP é demoledora”, denunciou González, que puxo como exemplo deste “desastre” a destrución de 700 barcos da frota galega e a importante diminución dos ingresos das mariscadoras. “Fronte a isto, unha Xunta presidida por Ana Pontón será un Goberno coas mans libres para defender o noso mar tanto en Galiza como en Madrid e Bruxelas”, asegurou.
González enumerou os principais problemas do sector, acusando á Xunta de Rueda de mirar cara outro lado e “lastrar” ao sector diante de decisións “fatídicas” como redución dos TACs e das cotas pesqueiras a nivel europeo, nin tampouco diante da cada vez menor produtividade das rías galegas. Aliás, acusou aos populares de beneficiar “ás súas empresas amigas” para a instalación da eólica mariña malia o seu impacto negativo sobre os bancos de pesca.
Plan de Recuperación das Rías galegas
A candidata nacionalista avanzou nese sentido a posta en marcha dun Plan de Recuperación das Rías para reverter a perda de produtividade e a destrución da frota e dos empregos no sector e na cadea mar-industria. Un Plan que, detallou, se financiará con fondos propios pero tamén reclamando que o Estado español e a Unión Europea contribúan cos fondos necesarios.
Aliás, un futuro Goberno do BNG creará unha Sociedade mixta Comercializadora para a promoción do produto galego, así como o compromiso de seguir reclamando a redución do IVE aos produtos pesqueiros. No referido ao ámbito portuario, anunciou a elaboración dunha nova Lei de Portos de Galiza para poñer fin á privatización, apostando por un modelo de cooperación e beneficio público, ademais de reclamar a transferencia das competencias sobre os portos de interese xeral do Estado, Salvamento Marítimo e loita contra a contaminación, navegación marítima e mariña mercante, investigación oceanográfica e da ordenación e xestión do litoral, entre outras.
Galiza libre de eólica mariña
Outro dos compromisos da fronte nacionalista é frear a ameaza da eólica mariña nas costas galegas. A día de hoxe, sinalou González, hai 12 proxectos que, de levarse a cabo, suporía a instalación de máis de 500MW de potencia, cando o Goberno español proxecta entre 1.000 e 3.000 en todo o Estado para o ano 2030.
“Estamos diante dunha ofensiva de espolio enerxético, cando Galiza produce xa máis enerxía de fontes renovábeis da que consome”, reprochou a candidata, quen asegurou que un Goberno do BNG defenderá a actividade pesqueira como prioritaria fronte aos “intereses das grandes empresas enerxéticas amigas do PP”.
Nación dependente da pesca en Europa
Pola súa banda, a eurodeputada Ana Miranda lembrou que só o BNG defendeu durante estes anos ao sector do mar na Unión Europea. “O PP non fixo nada para defender o noso papel como nación altamente dependente da pesca en Europa, deixando tirado ao sector nas axudas e no reparto das cotas”, denunciou. Nese sentido, anunciou que unha Xunta de Galiza liderada por Ana Pontón exercerá toda a presión institucional para unha negociación equitativa das cotas de pesca para a frota galega, que teña en conta o peso do sector e a súa capacidade extractiva, así como a exención dos TACs para a pesca artesanal.
Vigo como grande porto galego
Dende a fronte nacionalista trasladaron o compromiso de reforzar o papel de Vigo como grande porto galego e o maior de Europa, sendo unhas das principais actividades económicas e produtivas da área con 32 mil postos de traballo. Así, cada ano en Vigo descárganse 34 mil toneladas de peixe fresco, 168 mil toneladas de peixe para conservas e arredor de medio millón de toneladas de peixe conxelado, apuntou González, como exemplo da importancia do sector para a área viguesa.