O BNG defende que a Xunta garanta o futuro do naval e impulse a coordinación dos aeroportos galegos
O grupo municipal do BNG presentou diversas emendas as mocións defendidas polo grupo socialista sobre o aeroporto vigués, o sector naval e a reforma da praia de Samil. A respecto de Peinador, Santi Domínguez criticou a súa discriminación por parte da Xunta e salientou a necesidade de que o goberno galego impulse un Plan de Coordinacióne Complementariedade dos tres aeroportos galegos.
O nacionalista lemebrou que cando o BNG tivo competencias en materia de turismo presentou un plan consensuado con A Coruña, Santiago e Vigo no que se fomentaba a complementariedade dos tres aeroportos. Ese plan quedou en nada porque a Xunta do PP o meteu nun caixón e o goberno galego creou o comité de rutas cos alcaldes á cabeza, que non serviu para nada, criticou.
Sobre a moción socialista de apoio a Barreras, Xabier Alonso asegurou que os gobernos do PP teñen demostrado a súa inoperancia e falta de capacidade para garantir a viabilidade do sector naval. Segundo destacou, non se trata exclusivamente dun problema da Ría de Vigo, senón de toda Galiza, polo que defendeu que a Xunta e o goberno do Estado adopten as medidas necesarias para garantir o sector e o mantemento dos postos de traballo.
A respecto destas dúas mocións, foron aceptadas polo grupo socialista as emendas propostas polo BNG. En ámbolos dous casos, as mocións foron aprobadas cos votos a favor de BNG e PSOE e os votos en contra do PP.
Recuperación do litoral
O grupo nacionalista tamén presentou unha emenda a moción do PsdeG referida á reforma de Samil. Para o BNG, ademais de acometer a reforma desta praia por parte do goberno do Estado nuns prazos acordados co Concello de Vigo, é fundamental a recuperación e o mantemento do litoral da codade, así como a continuidade dos paseos costeiros. Neste sentido, Iolanda Veloso destacou a necesidade de executar proxectos globais para todas as parroquias, incluida a de Alcabre.
A portavoz municipal do BNG lembrou que en 1970, cando comezou a construción do muro de Samil, xa había voces discordantes con este proxecto, como as de Paz Andrade ou Álvarez Blázquez.
Esta moción, ao igual que as tres defendidas polo grupo popular sobre a elaboración do estudo que permita facturar o consumo de auga por consumo real, a redacción dun plan de acción cultural e a posta en marcha do estudo de gravación de vigosónico, resultaron aprobadas por unanimidade.