O BNG demanda a Xunta e Goberno español medidas efectivas en apoio do sector da automoción de Vigo
A deputada, Carmela González, advirte de que “Vigo corre o risco de quedar fóra de xogo na produción de vehículos non contaminantes”, polo que reclama compromisos concretos que permitan a instalación dunha fábrica de baterías e doutros compoñentes.
Xabier P. Igrexas: “Non podemos permitir que a inacción da Xunta do Partido Popular poña en xaque o futuro do sector da automoción de Vigo”.
O Bloque Nacionalista Galego demandará medidas efectivos para apuntalar o sector da automoción de Vigo, perante os reptos e dificultades que está a enforontar.
A deputada do BNG, Carmela González, anunciou que este martes levará á Comisión de Industria do Parlamento galego, unha proposición non de lei instando a que tanto a Xunta como o Goberno español adopten medidas específicas para apoiar o sector da automoción de Vigo e de Galiza.
González aludiu aos importantes reptos de futuro que encara un sector estratéxico para a economía da área de Vigo, entre os que incluíu o cambio de modelo produtivo, os problemas de abastecemento de microcompoñentes ou a ameaza da deslocalización e o aumento da precariedade laboral.
Entre as medidas que propoñen as nacionalistas está a de promover a instalación dunha fábrica de baterías na área de Vigo, e favorecer a apertura de plantas de fabricación de novos compoñentes para vehículos eléctricos en territorio galego. Aliás, defenden a creación dunha Mesa galega da automoción, o desenvolvemento dun plan específico para o sector no noso País así como a posta en marcha dunha tarifa eléctrica industrial galega que abarate os custes.
“Temos que facer fronte á ameaza da deslocalización produtiva, xa que sen fábrica de baterías e doutros compoñentes preto da matriz, Stellantis, Vigo corre o risco de quedar fóra de xogo na produción de vehículos non contaminantes”, advertiu.
González demanda tamén que se actúe na crecente precariedade laboral no sector, marcada pola eventualidade, o emprego a tempo parcial e o empobrecemento salarial, ao que se vén de engadir a aplicación indiscriminada e arbitraria de ERTE, que están a provocar que os custos da crise volvan recaer nos e nas traballadoras.
“Pedimos medidas concretas e reais para apuntalar o futuro para unha indistria fundamental para Vigo, a súa área e toda Galiza”, resumiu a deputada.
Inacción da Xunta
Pola súa parte, o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, encadrou as dificultades que está a enfrontar o sector da automoción na “grave crise industrial” que atravesa a cidade e comarca de Vigo, lembrando que “hoxe hai en Vigo 10.500 postos de traballo menos dos que había en 2009, e na última década destruíronse o 15% dos empregos industriais”.
Igrexas subliñou o feito de que nos últimos oito anos non se teña aberto ningunha empresa do sector da automoción na comarca de Vigo mentras si se están abrir en Portugal, visando que o risco de deslocalización produtiva é “unha ameaza moi real”, polo que demandou políticas públicas que aposten por enraizar a produción no noso territorio. “Non podemos permitir que a Xunta do Partido Popular, coa súa deliberada e continuada inacción, poña en xaque o futuro do sector da automoción, virandolle as costas a unha actividade que é estratéxica para a nosa cidade”, afirmou o edil nacionalista.
“Abonda de propaganda, de posados fotográficos e de boas palabras. É momento dos feitos, das decisións e das medidas para garantir o futuro da automoción de Vigo e de Galiza”, esixiu o portavoz municipal do BNG na cidade olívica.