O BNG esixe no Parlamento galego que se revertan os recortes no IES San Tomé de Vigo

navia01
Alexandra Fernández e Xabier P. Igrexas

A fronte nacionalista presenta unha iniciativa para reclamar á Xunta que incremente os grupos e o profesorado de 1º da ESO, así como o persoal de orientación, tal como demanda a ANPA do centro.

A deputada Alexandra Fernández advirte de que esta decisión ten “consecuencias negativas sobre o ensino, o exceso de carga laboral no profesorado, ademais de supor unha masificación das aulas cando aínda estamos enfrontando os riscos da pandemia”.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, inscribiu os recortes nunha política deliberada do PP para “desangrar o ensino público".

O BNG esixe no Parlamento galego que se revertan os recortes no IES San Tomé de Vigo

O Bloque Nacionalista Galego denuncia que os recortes no IES San Tomé de Vigo están provocando o incumprimento dos ratios legais de estudantes no curso de 1º da ESO. A deputada nacionalista, Alexandra Fernández, vén de presentar unha iniciativa no Parlamento Galego para demandar que a Xunta reverta a situación e incremente os grupos, que pasaron este ano de cinco a catro pese aumentar o número de alumnas e alumnos, e por conseguinte se amplíe o profesorado para garantir “un ensino público de calidade”.

“Estes recortes teñen unhas consecuencias negativas sobre a calidade do ensino, o exceso de carga laboral no profesorado, ademais de supor unha masificación das aulas cando aínda estamos enfrontando os riscos da pandemia”, criticou Fernández. A deputada do BNG recolle as demandas da ANPA do centro, que iniciou mobilizacións nos últimos días para reclamar unha rectificación por parte do Goberno galego.

No curso de 1º da ESO hai matriculados hoxe 131 alumnas e alumnos repartidos en catro grupos, cando o pasado curso eran 119 en cinco. Unha redución de grupos que provocou que cada aula supere en tres persoas o límite de alumnado que fixa a lexislación.  Porén, desde a ANPA do centro alertan de que a Consellaría de Educación quere manter este recorte próximos cursos, circunstancia que “prolongará e enquistará o problema”, en opinión do BNG.

Desde a comunidade educativa apuntaron tamén os insuficientes recursos para persoal de orientación no IES, que conta na actualidade cunha soa praza para atender a 817 alumnas e alumnos. “Unha situación que se traduce nunha atención precaria, lonxe da calidade que entendemos pode e debe prestar o ensino público”, manifestou Fernández.

A deputada nacionalista apuntou que este caso é “un novo exemplo do que se está a vivir nos centros educativos na área de Vigo, onde xa son habituais as queixas da comunidade educativa que reclaman con urxencia un maior investimento”. Un contexto do que responsabilizou á política de recortes do PP na Xunta de Galiza “cuxas consencuencias son especialmente palpábeis no ámbito do ensino”.

Desangrar o ensino público

O portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, inscribiu os recortes no IES San Tomé, que se engaden aos xa perpetrados noutros centros educativos da cidade, nunha política deliberada do PP que procura “desangrar o ensino público mentres se sigue a cebar os centros privados e concertados”.

Neste sentido, Igrexas insistiu en urxir unha “rectificación total” na política educativa aplicada pola Xunta de Feixóo, dotando os centros públicos do persoal docente e especialista necesario para garantir un ensino de calidade. “O único que lle ofrece o PP á cidade son recortes e máis recortes, ao tempo que sigue negándose a atender demandas como dotar a Navia dun novo instituto, ou despregar unha nova zonificación escolar que aposte decididamente polo ensino público”, reprochou. 

O BNG esixe no Parlamento galego que se revertan os recortes no IES San Tomé de Vigo