O BNG de Vigo chama a cumprir os compromisos do Pleno fronte ás violencias machistas para que non fiquen en papel mollado
O Pleno aproba con 22 votos a prol, e a abstención do PP, a moción presentada pola fronte nacionalista para demandar un aumento dos recursos na loita contra o machismo.
Xabier P. Igrexas: “Non abonda con minutos de silencio, todas as administracións deben facer do combate ás violencias machistas unha verdadeira prioridade política".
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo chama a facer efectivos os compromisos adquiridos fronte ás violencias machistas para que non “fiquen en papel mollado”. A moción da fronte nacionalista para demandar un aumento dos recursos para o combate do machismo foi aprobada polo Pleno municipal celebrado este mércores, con 22 votos a favor de todos os grupos a excepción do PP, que optou pola abstensión.
“Non abonda con minutos de silencio nin declaracións institucionais, temos que atender o mandato das masivas mobilizacións feministas, que colocaron a cidade de Vigo como referencia a nivel galego e estatal, e que nos interpela a todas e todos a facer desta cuestión unha verdadeira prioridade na axenda política das administracións”, defendeu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, durante a sesión plenaria.
A moción das nacionalistas reclama que o Concello de Vigo, a Xunta de Galiza e o Goberno español reforcen os medios e accións para facer efectiva a loita contra as violencias machistas e “pasar das palabras aos feitos”. Igrexas pediu “mover este 25 de novembro do espazo da ritualización e da declaración de intencións para convertelo nunha data para tomar decisións e poñer en marcha políticas realmente efectivas”.
O concelleiro do BNG de Vigo lamentou a abstención do grupo municipal do PP, que mostrou o seu desacordo coa proposta de destinar o 1% dos orzamentos da Xunta para o ano 2022 a políticas contra a violencia de xénero, tal como demandaba a moción nacionalista. Igrexas recordou aos populares os continuos incumprimentos do Goberno galego da Lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, polo que demandou que o aumento dos recursos principie por unha rectificación do PP.
Igrexas cualificou como “estarrecedoras e alarmantes” as cifras de agresións sexuais e violacións na cidade, con nove casos de media por mes no que vai de ano. Nese sentido, demandou que o Goberno municipal execute os acordos adquiridos no pasado para dotar Vigo dun protocolo contra as agresións sexuais en eventos públicos e nos espazos de lecer noctuno, así como a instalación de “puntos violeta” para ofrecer atención, información e asistencia ás vítimas.
Desde o BNG pediron que a Xunta desenvolva un protocolo específico de atención á violencia sexual, con especial atención ao ámbito xudicial. Nesa liña demandaron un programa específico de formación dirixido a todos os ámbitos profesionais que traballan en prevención e atención das vítimas, como o campo sanitario, policial, xurídico, educativo e a propia administración.
Igrexas reclamou tamén garantir e ampliar a cobertura en todo o territorio dos Centros de Información ás Mulleres, en particular naquelas comarcas que carecen hoxe deste servizo. No ámbito laboral, chamou aos executivos galego e español a despregar medidas concretas fronte á violencia machista, en especial nos sectores máis feminizados.