O BNG insta á Xunta a deixar de actuar como comercial das empresas privadas na área sanitaria de Vigo
A fronte nacionalista denuncia que o Goberno galego continúa desviando recursos “millonarios” da rede pública para alixeirar as listas de espera.
Montse Prado: “Todas as decisións tomadas polo PP na Xunta van na dirección de condicionar a atención sanitaria en Vigo para garantir a dependencia da privada”.
Xabier P. Igrexas chama a “plantarlle cara ás políticas coas que o PP pon en xogo a saúde” participando masivamente na mobilización convocada en Vigo por SOS Sanidade Pública o vindeiro 12 de maio.
O Bloque Nacionalista Galego insta á Xunta de Galiza a deixar de actuar como comercial das empresas privadas na área sanitaria de Vigo. A fronte nacionalista reitera a esixencia dunha rectificación das políticas privatizadoras do Goberno galego do PP, que continúa desviando recursos “millonarios” para alixeirar as listas de espera, e reclama que se destinen á rede pública os case 160 millóns anuais previstos no Acordo Marco coas multinacionais da sanidade.
“É imprescindíbel que a Xunta rectifique e deixe de actuar como comercial das empresas privadas e dos fondos de investimento, que deixe de reforzar especialmente a Ribera Povisa, e empece a defender o dereito da veciñanza da área sanitaria de Vigo a ter unha atención de calidade na rede pública”, demandou a portavoz de Sanidade do BNG e deputada no Parlamento galego, Montse Prado.
A voceira nacionalista denunciou que as decisións tomadas polo PP “non son inocentes” e van enfocadas a seguir “alimentando o negocio da sanidade” co obxectivo de “condicionar a atención na área Vigo para garantir a súa dependencia da sanidade privada”. Contratos millonarios que contrastan coa continuada política de recortes na rede pública, que se traducen nunha redución de servizos na área sanitaria de Vigo, que atende unha poboación de máis de medio millóns de persoas de 26 concellos.
Prado sinalou que o Acordo Marco significa destinar 16,5 millóns de euros en dous anos a empresas privadas do sector, mais que poden chegar aos 49,5 millóns de euros mediante modificacións e prórrogas. Un contrato que se suma ao canon do Álvaro Cunqueiro e mais ao concerto singular con Ribera Povisa, gran beneficiaria destas adxudicacións, que elevan até os 160 millóns de euros anuais de cartos públicos desviados á privada na área de Vigo.
Desde a fronte nacionalista esixen que a devolución destes recursos á rede pública para que, dunha vez por todas, se deixe de depender da sanidade privada. “É preciso ter operativos quirófanos, probas diagnósticas, camas, todo do que dispón a rede do Sergas, e non realizar derivacións en tanto existan recursos dispoñíbeis para efectivizar esas actuacións na pública”, valorou a deputada do BNG.
Vigo, zona cero da desfeita sanitaria
Pola súa banda, o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas criticou con dureza que “a Xunta do Partido Popular se negue a rectificar unha política de recortes e privatizacións que converteu a área de Vigo na zona cero da desfeita sanitaria”.
Igrexas denunciou que “mentres o PP sigue a encher os petos das súas empresas amigas, que fan da saúde un negocio, as viguesas e vigueses padecen unha atención sanitaria insuficiente”.
Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista chamou ao conxunto da cidadanía a “plantarlle cara ás políticas coas que o PP pon en xogo a saúde”, participando masivamente na mobilización convocada por SOS Sanidade Pública para o vindeiro 12 de maio. “As rúas de Vigo teñen que volver enviar unha mensaxe incontestábel á Xunta de Alfonso Rueda e Marta Fernández-Tapias, en defensa da sanidade 100% pública” remachou.