O BNG leva ao Pleno de Vigo a demanda dunha AP9 galega e libre de peaxes

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista propón, a través dunha moción, instar o Goberno español a anular a última prórroga ilegal, a proceder a seu rescate publico da autoestrada para liberala de peaxes e iniciar a súa transferencia para ser xestionada por Galiza

Piden unha posición “firme do máximo organismo de representación democrática da cidade” para responder as declaracións do ministro Oscar Puente nas que amosaba a súa resistencia a facer coa AP9 o mesmo que si se fixo co rescate das radiais madrileñas. 

Xabier P. Igrexas: “As bonificacións non son suficientes, temos que lograr unha AP9 galega e libre de peaxes para poñermos fin a esta estafa insoportábel”

O BNG leva ao Pleno de Vigo a demanda dunha AP9 galega e libre de peaxes

O Bloque Nacionalista Galego levará ao vindeiro Pleno do Concello de Vigo, que se celebrará o próximo luns, unha moción para solicitar o rescate da AP9 e a súa transferencia a Galiza.

Así o vén de anunciar o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que defendeu que “con esta iniciativa queremos que o máximo órgano de representación democrática da cidade se posicione de maneira firme en contra da estafa diaria da AP9 que padecen a diario moitos millares de viguesas e vigueses e de galegas e galegos”.

Igrexas denunciou que o mantemento das peaxes na AP9 representa unha clara discriminación coa Galiza, posto que todas as autoestradas da xeración da AP-9 hoxe están xa libres de peaxe unha vez que caducou a concesión ou estarano proximamente. “Cómpre lembrar que foron os sucesivos gobernos españois, do PSOE primeiro e do PP despois, os que prorrogaron até 2048 a concesión da AP9 que tiña que ter concluído en 2013” subliñou.

O portavoz municipal nacionalista explicou que o importante abaratamento das peaxes, logrado grazas ao voto decisivo do BNG no Congreso, e que supuxo unha rebaixa do 60% das tarifas que terá que ser do 75% en cumprimento do último acordo de investidura, non é suficiente e, defendeu, que o que hai que lograr é que “esta autoestrada, que xa está máis que repagada, pase a estar completamente libre de peaxes”.

Unha posibilidade que, sinalou, é perfectamente posíbel e legal, despois de que a Comisión Europea veña de determinar que as prórrogas foron acordadas de maneira irregular abrindo a porta a anular a actual concesión privada de Audasa. 

Resposta a Puente

Igrexas considera “fundamental” que o Pleno de Vigo responda ás declaracións do ministro Oscar Puente nas que amosaba  sen disimulo a súa resistencia a facer coa AP9 o mesmo que se fixo co rescate das radiais madrileñas. 

“A falla de vontade do Goberno español de PSOE e Sumar non ten base en ningún estudo”, reprochou, recordando que o propio ministro pasou en poucos días de cifrar o custo do rescate de 4 mil millóns de euros a outro de 6 mil millóns, cando existen valoracións previas que o reducen a 2 mil millóns. “Isto significa que o rescate podería custar menos do que manter as bonificacións de aquí ao 2048”, remachou.

Emporiso, desde o BNG afirman a súa vontade de “seguir a dar a batalla”, en todos os ámbitos incluídos os concellos, co obxectivo de “conseguir, como reclama unha amplísima maioría das viguesas e dos vigueses, unha AP9 galega e libre de peaxes para poñermos fin a esta estafa inosportábel”. 

Con ese obxectivo, a moción nacionalista propón nos seus acordos instar o Goberno español a anular a última prorroga de 25 anos, a proceder ao seu rescate público para liberala de peaxes e a iniciar a súa transferencia para ser xestionada desde Galiza. Tamén solicitan que o executivo central e a Xunta realicen sendos estudos económicos e xurídicos.

[DESCARGA A MOCIÓN]

O BNG leva ao Pleno de Vigo a demanda dunha AP9 galega e libre de peaxes