O BNG de Vigo denuncia que Caballero elimina o acto institucional do Concello polo Día de Galiza
A fronte nacionalista critica a decisión “sectaria” do alcalde cun evento que se leva celebrando máis de dúas décadas na cidade e que en 2023 tampouco se realizou
Xabier P. Igrexas: “Caballero non acaba de entender que os actos institucionais do Concello non son do seu Goberno senón de toda a cidade”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o Goberno de Abel Caballero vén de eliminar o acto institucional do Concello de Vigo co gallo do Día Nacional de Galiza. A fronte nacionalista critica a decisión “sectaria” do alcalde cun evento que se leva celebrando máis de dúas décadas na cidade e que xa en 2023 deixou sen realizar sen xustificación despois de adialo ao mes de setembro.
“E vemos como este 2024 directamente o alcalde fai como se o acto nunca existise, sen tan sequera informar á Xunta de Portavoces con clara aleivosía e clandestinidade”, afeou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen considerou que esta decisión “non é casual nin gratuíta” e supón un paso máis na deriva de Caballero de “querer erixirse no verdadeiro campión do españolismo e da galegofobia” en Vigo.
Igrexas cuestionou que o rexedor se negue a conmemorar cun acto institucional o 25 de xullo, unha data na que asegurou se celebra o “orgullo de sermos galegas e galegos e a nosa identidade como pobo e nación” na maior urbe galega. “O alcalde non acaba de entender que os actos institucionais do Concello non son do seu Goberno senón de toda a cidade”, reprochou.
O portavoz municipal nacionalista reivindicou pola contra o firme compromiso e determinación do BNG en favor de que Vigo exerza o papel que lle corresponde como primeira cidade do país “fronte a quen insiste en illarnos, empequenecernos e amurallarnos nunha especie de cidade-estado medieval á altura do seu luminoso emperador”.
Nese sentido, Igrexas chamou a que a cidade volva ser o potente pulmón industrial e produtivo de Galiza e a capital galega da innovación e da tecnoloxía. “A capital galega do futuro e, sobre todo, o verdadeiro motor dunha nova Galiza”, remachou.