O BNG pide ao Goberno unha partida para as CC.AA para asegurar o servizo de teleasistencia
A deputada do BNG, Rosana Pérez, e a portavoz no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistraron unha proposición non de lei e unha pregunta parlamentar para instar ao Goberno a aprobar unha partida económica destinada a ser transferida ás CC.AA para asegurar o servizo de Tele Asistencia a persoas maiores, dacordo ás competencias que as administracións autonómicas teñen en materia social.
Rosana Pérez lembra que o servizo de Tele Asistencia domiciliaria é un recurso que permite a permanencia dos usuarios no seu medio habitual de vida, así como o contacto co seu entorno socio-familiar, evitando o desarraigo e asegurando a intervención imediata en crises sociais, persoais ou médicas para proporcionar seguridade e mellor calidade de vida. De aí a posta en marcha en 1992 do Programa de Tele Asistencia.
O Programa, sinala a deputada do BNG, instrumentalizouse inicialmente através dun Convenio marco subscrito entre o Instituto de Maiores e Servizos Sociais (IMSERSO) e a Federación de Municipios e Provincias (FEMP) en 1993. En moitas cidades, este servizo custeábase con fondos aportados polas Deputacións provinciais, os concellos e as CC.AA.
Máis, puntualizou, o Goberno retirou a aportación estatal dos Orzamentos Xerais do Estado destinados a este concepto e a sufragar os Convenios que o IMSERSO tiña até agora coas Deputacións. Eliminou o financiamento estatal para este fin. Por tanto, nunha situación tan crítica como a actual, as Deputacións non contan con suficiente financiamento para seguer aportando as mesmas contías para manter este servizo. Situación que está a levar a moitas Deputacións a reducir a súa porcentaxe de contribución aos Convenios ou suprimila.
Os casos de Vigo, Lugo, Ourense ou A Coruña
Pola súa parte, a portavoz no Congreso, Olaia Fernández Dávila, fai referencia en concreto ao caso de Vigo, onde ao final parece que será o concello quen asuma o custe deste servizo. E onde a Deputación de Pontevedra comunicou que só financiará a Tele Asistencia en municipios de menos de 20.000 habitantes.
Os recortes neste importante servizo estendéronse por varias cidades e localidades galegas, como Lugo, A Coruña ou Ourense.
As parlamentares do BNG lembran que Galiza é un dos territorios que conta cunha poboación máis numerosa de persoas maiores, ten o índice de envellecemento poboacional máis alto, co cal, a supresión deste servizo supón un auténtico drama social. Para as nacionalistas galegas, non se pode abandoar á súa sorte a persoas da terceira idade que son dependentes. E consideramos que o Goberno central ten unha grande responsabilidade pola drástica supresión da partida para este servizo.