O BNG de Vigo esixe á Xunta que actúe fronte ao «terrorismo patronal» no centro especial de emprego Blavice
A fronte nacionalista demanda fiscalizar as axudas públicas aos centros especiais de emprego como Blavice, en concurso de acredores após recibir máis de medio millón de subvencións da Xunta e mentres mantén unha débeda de 400 mil euros co seu persoal
Carmela González: «O Goberno galego ten que garantir que todas as persoas dos centros especiais de emprego teñan condicións salariais e laborais dignas»
Xabier P. Igrexas: «Falamos dunha empresa viábel e con carga de traballo, cuxa dirección busca agora evitar pagar os atrasos salariais con este intento de liquidación»
O Bloque Nacionalista Galego esixe á Xunta que actúe fronte ao «terrorismo patronal» e os atrasos salariais da empresa Blavice. A fronte nacionalista urxe ao Goberno galego a intervir ante os «abusos laborais» deste centro especial de emprego, após comunicar a súa entrada en concurso de acredores malia ter percibido só no último ano máis de medio millón de euros en subvencións públicas e mentres mantén unha débeba de 400 mil euros de salarios pendentes cos 74 traballadores e traballadoras, 34 delas do centro de Vigo.
«O BNG demandamos que se poñan en marcha medidas de fiscalización destas axudas públicas para garantir que todas as persoas dos centros especiais de emprego teñan condicións salariais e laborais dignas», reclamou a deputada nacionalista no Parlamento galego, Carmela González, que subliñou a iniciativa presentada polo Bloque nos pasados días para urxir a intervención da Xunta no conflito.
González lamentou que se concedan estas importantes subvencións de diñeiro público sen exercer ningún tipo de control, en especial cando se trata de axudas para un colectivo vulnerábel e con dificultades para acceder ao emprego como o persoal de Blavice, formado por persoas con diversidade funcional e diferentes graos de discapacidade.
400 mil euros de salarios pendentes
Na mesma liña, o portavoz municipal do BNG e candidato á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, acusou á dirección de Blavice de «terrorismo patronal» por levar varios anos a incumprir as obrigas co seu persoal, xerando unha dédeba de preto de 400 mil euros de salarios pendentes. «Falamos dunha empresa viábel e con carga de traballo, cuxa dirección busca agora evitar pagar os atrasos salariais con este intento de liquidación», reprobou o concelleiro nacionalista.
«A Xunta ten que actuar tanto como autoridade laboral como subvencionadora da empresa. para poñer fin a estes abusos», reclamou Igrexas, que advertiu do risco de destrución de 34 postos de traballo en Vigo para persoas con discapacidade ou diversidade funcional en caso de producirse a liquidación do centro especial de emprego.
Renunciar aos atrasos ou perder o emprego
Por parte da representación sindical, o delegado da CIG Jose Manuel Peleteiro asegurou que Blavice non deu ningunha opción ao persoal. «Démoslle todas as facilidades, anos para poder actualizar os atrasos, e o único que nos propuxo a dirección é que renunciemos a todo, ao convenio e aos atrasos, ou senón pechan a empresa», lamentou, de vez que pediu todo o apoio posíbel para evitar a perda dos empregos.