CORONAVIRUS
O BNG de Vigo insta o Goberno municipal a esixir as máximas medidas preventivas nos autobuses en lugar de preparar unha indemnización millonaria a Vitrasa
Xabier P. Igrexas: “Non pode ser que un servizo municipal, que custa moitos millóns de euros das viguesas e dos vigueses, non estea a cumprir coas medidas de prevención e as garantías sanitarias en medio dunha pandemia”.
A fronte nacionalista chama a abrir o debate sobre a necesaria remunicipalización do servizo e reitera o seu rexeitamento ao ERTE aplicado por Vitrasa.
En reacción ás declaracións do alcalde de Vigo, Abel Caballero, nas que anunciaba publicamente unha estimación da indemnización económica que lle podería corresponder percibir a Vitrasa, como concesionaria do servizo de transporte urbano na cidade, a causa da redución do mesmo pola crise do coronavirus, o BNG de Vigo demandou do Goberno municipal que actúe para esixirlle a empresa que garanta as medidas preventivas nos buses e defenden que se abra o debate sobre a remunicipalización do servizo.
“O que debera ocupar e preocupar ao alcalde e ao Goberno municipal de Vigo é esixir de maneira firme que Vitrasa aplique as máximas garantías preventivas tanto do persoal condutor como das persoas viaxeiras”, reclamou o concelleiro do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas. “As imaxes destes días de buses ateigados até a bandeira e as denuncias constantes do Comité de Empresa sobre os incumprimentos de Vitrasa das medidas para evitar novos contaxios por coronavirus, son o que debera ocupar e preocuparlles, en troca de se dedicar a calcular canto diñeiro público máis haberá que transferirlle a esta empresa privada”, acrecentou.
“Non pode ser que un servizo municipal, que custa moitos millóns de euros das viguesas e dos vigueses, non estea a cumprir coas medidas de prevención e as garantías sanitarias en medio dunha pandemia”, reprochou o portavoz municipal nacionalista.
Remunicipalización
Para o BNG esta situación, na que o Concello podería ter que aboar unha indemnización millonaria a Vitrasa, evidencia de maneira clara o “pésimo negocio” que para a cidade representa o modelo de concesións privadas. “A xestión privada de servizos públicos esenciais, como o transporte urbano, é un pésimo negocio para a cidade, para a cidadanía e unicamente unha fonte de lucro para grandes empresas privadas”, cuestionou Igrexas.
O edil nacionalista defendeu que “é momento de abordar a serio a necesidade de remunicipalizar este servizo”. Neste sentido, a fronte nacionalista lembrou que o PSOE impuxo no regulamento do transporte de viaxeiros da cidade que este servizo só se poida xestionar por unha empresa privada, após rexeitar unha emenda do Bloque que abría a posibilidade de que fora xestionado de maneira directa polo Concello ou a través dunha empresa pública. “Nós seguiremos a defender, como fixemos sempre, que o público é servizo e que o privado é beneficio só para uns poucos”, e por iso demandan “audacia” para “devolver ao público o que nunca debeu ser xestionado desde o privado”.
Aliás, o BNG xa expresou nos dous últimos plenos municipais a súa preocupación e disconformidade con que Vitrasa poida ser indemnizada polo Concello ao tempo que se lle permite, ao amparo dunha normativa irracional do Goberno español e coa aprobación da Xunta, que aplique un ERTE que supón un brutal recorte salarial do seu persoal.