O BNG de Vigo interpelará no Pleno ao Goberno municipal polos incumprimentos de Vitrasa
A fronte nacionalista denuncia que a concesionaria ten pendente a renovación de 27 de novos vehículos ao tempo que seguen circulando buses con máis de 12 anos de antigüidade
Critican a “barra libre” de Caballero con Vitrasa que, despois de recibir preto de 50 millóns de euros de subvencións e indemnizacións nos últimos cinco anos, vai rematar 2024 con 250 frecuencias menos das que había antes da pandemia
Xabier P. Igrexas: “As viguesas e vigueses precisan e merecen de moito máis que buses turísticos e trenecitos para ver as luces”
Ante os reiterados e flagrantes incumprimentos do prego concesional e das condicións nas que se acordou a última prórroga en favor de Vitrasa, e diante da falla de resposta oficial, o Bloque Nacionalista Galego vén de anunciar que interpelará ao Goberno municipal de Abel Caballero no vindeiro Pleno a respeito de se teñen previsto adoptar algunha medida diante do feito de que Vitrasa teña pendente a renovación obrigatoria de 27 novos vehículos ao tempo que siguen circulando buses que exceden o límite de 12 anos de antigüidade.
“Até cando vai seguir ollando para outro lado o Concello mentres Vitrasa precariza un servizo absolutamente esencial como é o bus urbano? Canto máis vai durar a política de barra libre coa que a agasalla o Goberno de Caballero despois de lle entregar preto de 50 millóns de euros en subvencións e indemnizacións nos últimos cinco anos?” preguntouse o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Igrexas denunciou que este 2024 remata con 250 frecuencias menos de autobús das existentes antes da pandemia da Covid, con modificacións unilaterais dos horarios e cun mapa de liñas obsoleto. “E o que é máis grave, coa total opacidade por parte do Goberno local que se nega a dar a coñecer as conclusións do seu ‘estudo’ clandestino para a remodelación do servizo de bus polo que as viguesas e vigueses pagamos case 320 mil euros”, afeou.
Propósito de aninovo
A poucos días do cambio de ano o portavoz municipal nacionalista demanda de Abel Caballero un “bo próposito” para o 2025: “que deixe de castigar a maior cidade de Galiza cun pésimo servizo de autobús”.
“Porque as viguesas e vigueses precisan e merecen de moito máis que buses turísticos e trenecitos para ver as luces”, aseverou. “Precisan e merecen dun servizo de bus en condicións, con moitas máis frecuencias, mellores horarios, un mapa de liñas que conecte toda a cidade, e que sexa unha alternativa real ao uso do coche, cun servizo que deixe de ser un suculento negocio privado e se xestione deste o público a través dunha empresa municipal”.