O BNG de Vigo demandará o compromiso do Concello a prol do dereito a “vivir plenamente en galego”
A fronte nacionalista levará unha moción ao vindeiro Pleno municipal demandando medidas en favor da efectiva normalización do noso idioma diante da situación de emerxencia lingüística que revelan os últimos datos oficiais
Xabier P. Igrexas: “O retroceso no uso do galego é consecuencia directa da política lingüística galegófoba, discriminatoria e excluínte aplicada nos últimos quince anos de goberno do Partido Popular na Xunta da Galiza contra do noso propio idioma”
O Bloque Nacionalista Galego levará ao vindeiro Pleno do Concello de Vigo unha moción diante da situación de emerxencia lingüística que atravesa o galego e para demandar a adopción de medidas en prol da súa normalización.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, argumentou esta iniciativa asegurando que “os recentes datos feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística sobre coñecemento e uso do idioma galego constatan a situación crítica que está a atravesar a nosa lingua”.
“Esta situación limite en ámbitos como a cidade de Vigo (onde o uso preferente ou exclusivo do galego reduciuse a apenas o 15% da poboación) e que podemos cualificar en termos xerais de emerxencia lingüística, é consecuencia dunha política lingüística galegófoba, discriminatoria e excluínte aplicada nos últimos quince anos de goberno do Partido Popular na Xunta da Galiza” acrecentou.
No concreto, citou que neste período prohibiuse a impartición en galego de varias materias no sistema educativo (caso único en Europa), eliminouse practicamente o acceso das crianzas á lectoescritura en galego na rede de escolas infantís, mudouse a lei da función pública para que o funcionariado non teña por que ter coñecemento do galego para atender ás persoas, ou desapareceu a oferta da programación infantil ampla e actualizada na TVG, entre outras moitas medidas contra o galego na administración, na xustiza, no audiovisual e medios de comunicación, ou nas actividades comerciais e económicas.
“As consecuencias están á vista: o galego non só descende bruscamente no uso habitual, perdendo a súa condición de lingua máis falada na Galiza, senón que mesmo se descoñece nas franxas de idade máis novas: o 32,4% das nenas e nenos entre 5 e 14 anos non son quen de se expresaren en galego, poden entendelo, mais non falalo aínda que queiran, porque non o dominan. “Este é o resultado práctico desas políticas”, resumiu, lembrando que tanto o Consello de Europa como a propia ONU teñen dirixido advertencias á Xunta de Galiza para mudar a actitude sobre o galego.
No entanto, o portavoz municipal nacionalista amosouse convencido de que “a situación do noso idioma é reversíbel”. “O galego ten futuro se o compromiso coa normalización do noso idioma é real e asumido por toda a sociedade, comezando polas institucións galegas. O futuro do galego depende da nosa vontade colectiva como galegos e galegas”, proclamou.
Con ese obxectivo a fronte nacionalista trasladará ao vindeiro Pleno do Concello de Vigo unha moción para abordar a adopción de medidas que permitan a plena normalización da nosa lingua propia.
Apoio real ao galego
Unha moción coa que, en primeiro lugar, queren que o Pleno en coherencia coa vixente ordenanza municipal de normalización lingüística, reiteradamente incumprida polo Goberno de Abel Caballero, reafirme o seu compromiso na defensa da lingua galega, patrimonio colectivo de incalculábel valor, e no seu dereito inalienábel a ser coñecida e usada pola poboación en calquera circunstancia e lugar, sen discriminación de ningún tipo. “Temos que garantir o dereito de todas as viguesas e vigueses, de todas as galegas e galegos, a podermos vivir plenamente no noso idioma”, subliña Igrexas.
Nese camiño, defenderán tamén a necesidade de que Concello revise a súa actuación en materia lingüística atendendo a condición do galego “lingua propia de Galiza” (Estatuto de Autonomía, artigo 5) e como idioma oficial do propio Concello, para despregar esforzos concretos no camiño de efectivizar o previsto na Lei de Normalización Lingüística (1983), e Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004).
Ademais, proporán ao Pleno que o Concello de Vigo se adira á Plataforma Cidadá Queremos Galego, entidade social ampla conformada por colectivos de diferentes ámbitos e por persoas a título individual, que nace da vontade de articular unha ampla resposta popular a prol da lingua propia do noso pobo, o galego; de defensa e afirmación dos usos públicos e dereitos lingüísticos xa garantidos pola actual lexislación; e de progresiva normalización naqueles espazos onde o idioma de noso non goza aínda da presenza desexada.
En coherencia con esa decisión queren que o Concello se comprometa a apoiar activamente as iniciativas socias promovidas desde esta plataforma, a principiar pola convocatoria dunha grande manifestación nacional en defensa da lingua o vindeiro 23 de febreiro, Día de Rosalía.