O BNG de Vigo pide a fin do "acoso" contra o movemento veciñal e demanda que o Goberno municipal abra un diálogo "honesto" coa FAVEC
A fronte nacionalista chama ao concelleiro de Participación Cidadá, Pablo Estévez, a actuar como tal e a desistir da pretensión de desaloxar pola forza a federación veciñal da súa sede.
Xabier P. Igrexas: "Democracia é moito máis que votar cada catro anos. Democracia é diálogo, é escoitar, tamén a quen pensa diferente, e sobre todo, é participación. Non pode haber democracia si se persigue a quen discrepa"
O Bloque Nacionalista Galego volveu demandar ao Goberno municipal de Vigo que cese na súa política de "acoso e persecución" contra o tecido asociativo da cidade e, singularmente, contra o movemento veciñal. Demandan ao concelleiro de Participación Cidadá que poña en marcha un diálogo "honesto e real" coa dirección da FAVEC, abandonando a pretensión de desaloxala sen acordo da súa actual sede.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, afeou os "crecentes tics autoritarios" do executivo local que se concretizan no continuado "acoso, persecución e maltrato" contra o tecido asociativo que se atreve a discrepar do alcalde. Neste sentido, denunciou o "exercicio de violencia administrativa e institucional", nomeadamente, en contra do movemento veciñal e a súa federación.
"Despois de romper todas as canles de interlocución hai preto dunha década, de tentaren afogar economicamente a entidade para facela desaparecer, agora asistimos ao intento do Goberno municipal de desaloxar a federación veciñal da sede que ocupa desde os anos 90", denunciou Igrexas. O portavoz municipal nacionalista anunciou publicamente que se vai dirixir ao concelleiro de Participación Cidadá, Pablo Estévez, para instalo a "exercer como tal" e a iniciar un "diálogo honesto e real" doa dirección da FAVEC para procuraren unha saída consensuada e acordada ao actual conflito. Unha solución que esixe, en primeiro lugar, que o Concello desista da súa actual pretensión de materializar o desaloxo mesmo pola forza, como lle comunicaron á federación.
"Democracia é moito máis que votar cada catro anos. Democracia é diálogo, é escoitar, tamén a quen pensa diferente, e sobre todo, é participación. Non pode haber democracia si se persigue a quen discrepa", remachou Igrexas.