O BNG de Vigo esixe o cese inmediato da concelleira de Seguridade por “mentir descaradamente” sobre o tráxico incendio de Afonso X

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo, e Alexandra Fernández, deputada no Parlamento galego
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo, e Alexandra Fernández, deputada no Parlamento galego

Defenden que Patricia Rodríguez Calviño non “pode continuar un minuto máis” á fronte da área de Seguridade do Concello despois de que os propios bombeiros e os sindicatos deixasen en evidencia as súas falsidades

Xabier P. Igrexas: “Vigo sen bombeiros non é segura e as viguesas e os vigueses non merecen un Goberno municipal que diante dunha traxedia sen precedentes lles minta con todo descaro”

¬INACCIÓN DA XUNTA: A deputada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández, responsabiliza o Goberno galego do Partido Popular por non ter ofrecido alternativa habitacional as familias residentes no inmóbel incendiado. “O que máis doe é que algo así non debeu ter sucedido”, afirma.

O BNG de Vigo esixe o cese inmediato da concelleira de Seguridade por “mentir descaradamente” sobre o tráxico incendio de Afonso X

O Bloque Nacionalista Galego esixiu formalmente ao Alcalde de Vigo, Abel Caballero, o cese inmediato da concelleira-delegada de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, por “mentir descaradamente” en relación ao operativo de bombeiros que interveu no tráxico incendio do pasado mércores na rúa Afonso X. A fronte nacionalista reclama tamén ao rexedor “que se desculpe coas viguesas e vigueses” e úrxeo a atender a demanda das organizacións sindicais para constituír unha mesa de diálogo para resolver a estrutural e grave falla de persoal no servizo de bombeiros da cidade.

O Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, compareceu esta mañá en rolda de prensa, acompañado pola deputada no Parlamento galego, Alexandra Fernández. Na súa comparecencia asegurou que o incendio das Travesas, que se saldou con 4 mortes (3 delas de menores) e 9 feridas así como o desaloxo de todas as persoas residentes no edificio, “deixou en evidencia as graves deficiencias tanto no que ten a ver coa seguridade na cidade como tamén na insuficiente atención ás problemáticas sociais que subxacen neste suceso, tanto por parte do Concello como por pola Xunta de Galiza”.

Igrexas cualificou de “inaceptábel” que a concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, “mentise deliberadamente a toda a cidade e en presenza do alcalde” na rolda de prensa ofrecida o pasado mércores, e sinalou que os propios bombeiros e a súa representación sindical deixaron en evidencia as falsidades infames coas que a señora Rodríguez Calviño pretendeu fuxir das súas responsabilidades.

Neste sentido, considerou gravísimas e “unha ofensa á intelixencia” as manifestacións da concelleira nas que aseguraba descoñecer o número de bombeiros operativos no momento en que se produciu o incendio. “Eu mesmo coñecín desde pouco antes das 8 da mañá do propio mércores a cifra que confirmaron os bombeiros este venres: eran 17, dos que 16 se desprazaron desde os parques de Coruxo e Teis para interviren directamente na extinción e 1 quedou de retén atendendo a centraliña”, reprochou.

O portavoz municipal nacionalista afirmou que Rodríguez Calviño volveu mentir cando afirmou que os efectivos mobilizados foran os suficientes, tendo en conta que o seu Goberno definiu en 2010 como mínimo 20 e que nun recente informe subscrito polos xefes de servizo de bombeiros e de seguridade eleva a 23 a dotación operativa necesaria para atender con garantías situacións de emerxencia. “Hai unha pregunta que produce arrepíos simplemente formulala: que tería pasado se se produce un segundo incendio noutro punto da cidade no mesmo momento? Quen ía decidir que vidas se salvan e cales non?”, interpelou.
Igrexas defendeu con rotundidade que “As viguesas e os vigueses non merecen un Goberno municipal que diante dunha traxedia sen precedentes lles minta con todo descaro”. Polo que esixiulle ao alcalde, Abel Caballero, “que esta mesma mañá cese a Patricia Rodríguez Calviño que non pode continuar nin un minuto máis como concelleira delegada da área de Seguridade” e que pida desculpas á cidadanía.

Problema estrutural

Desde o BNG denuncian que a insuficiencia de persoal no servizo de bombeiros non é unha circunstancia nova, senón que se trata dun problema que provocou a nefasta xestión de Abel Caballero que, lembran, leva 16 anos exercendo as responsabilidades de Goberno nas áreas de Persoal e de Seguridade. 

Á inexecución das ofertas de emprego público, que fan que arestora haxa preto de 400 prazas de persoal municipal sen adxudicar, engádese a negativa reiterada de explorar solucións a través do diálogo cos representantes sindicais dos bombeiros. A este respeito critican que o único que fixo Caballero diante do conflito foi impoñer un decreto ilegal que obrigaba a realización de horas extras e vulnerar o dereito a folga dos propios bombeiros con decretos de servizos mínimos que foron tombados pola Xustiza.

Esta situación, de falla de persoal, provocou que o pasado 17 de setembro, cando se produciu o incendio no Punto Limpo Municipal, por primeira vez na historia se tiveran que pedir reforzos de parques de fóra da cidade. Ademais, a falla de bombeiros impediu que puidesen colaborar no incendio rexistrado en Moaña o pasado 6 de outubro. E esta mesma madrugada volveu quedar en evidencia, cando no momento no que se producía un incendio nas instalación deportivas do Carme só había 14 efectivos dispoñíbeis.

“Vigo sen bombeiros non é segura”, proclamou Igrexas, lamentando que Vigo dispón dun plantel de 115 cando farían falla como mínimo 180 para dimensionar adecuadamente un servizo de emerxencias para unha cidade de 300 mil habitantes e 110 quilómetros cadrados. Desde o BNG fan propia a advertencia que este mesmo domingo trasladaba o Colectivo de Bombeiros Comarcais de Galiza: “Consentir que o Servizo de Extinción de Incendios se estea prestando en condicións inferiores ás estabelecidas implica que os responsábeis da prestación dos servizo sexan cómplices de calquera desgraza que cunha dotación de persoal axeitada se puidese evitar”. 

“É hora das solucións. É momento das decisións. Hai que pasar das palabras aos feitos e abordar con seriedade este grave problema para a cidade. Iso esixe, antes de máis, o inmediato relevo na concellería de Seguridade e atender de maneira urxente a solicitude das organizacións sindicais da posta en marcha dunha verdadeira mesa de diálogo. Vigo non merece menos”, remachou o portavoz municipal nacionalista.


¬INACCIÓN DA XUNTA DE GALIZA

De por parte, a deputada do Bloque no Parlamento galego, Alexandra Fernández, responsabilizou á Xunta de Galiza pola súa “inacción” ao non brindar alternativa habitacional ás familias vulnerábeis que residían de maneira precaria no inmóbel incendiado. “O que máis doe é que algo así non debeu ter sucedido. A situación na que se atopaba a familia [na que faleceron 4 dos seus membros] era coñecida polas administracións”, lamentou.

Fernández lembrou que o BNG xa advertira expresamente da situación no ano 2021, a través de diversas iniciativas no Parlamento galego nas que alertaban de que o desaloxo do poboado do Caramuxo ía afectar a 22 persoas, das que 11 eran menores, e que quedaban nunha situación de extrema vulnerabilidade. “A Xunta do Partido Popular mirou para outro lado. Negouse a ofrecerlles vivenda pública cunhas rendas asequíbeis”, reprochou, lembrando que o “dereito a vivenda é un dereito básico que a Consellaría debe garantir, sobre todo cando falamos de menores”.

“A familia de Rosana e os seus tres fillos -Ezequiel, Aldara e Sara-, non debían estar nunha situación de perigo por non teren recursos suficientes para acceder a unha vivenda e por non recibiren unha alternativa habitacional pública”, enfatizou.

A deputada anunciou que a vindeira semana o BNG interpelará ao Goberno de Alfonso Rueda no Parlamento de Galiza a respeito de porque non se lles ofreceron solucións ás familias afectadas e para que aclaren se teñen previsto adoptar algunha medida para evitar que algo así volva suceder. “Este suceso, tan tráxico, ten que ser un punto e final ao abandono das políticas públicas de vivenda por parte da Xunta do PP”, reclamou.

Desde a fronte nacionalista urxen un “xiro radical” nas políticas de vivenda doe executivo galego, lembrando que se manteñen situacións de vulnerabilidade na cidade como a do poboado chabolista da Salgueira, con familias e menores que non teñen acceso a luz nin auga e nunhas condicións alto de risco.

Fernández criticou que a Xunta deixase sen executar o pasado exercicio 150 mil euros da partida de apenas 370 mil destinada para actuar en casos de infravivenda e que o investimento para a promoción  de vivenda pública protexida se situase en apenas 3 millóns de euros en toda Galiza o pasado ano, cando hai máis de 9.500 familias demandando vivenda pública en réxime de alugueiro.

“As políticas de vivenda pública deben ser unha prioridade do Goberno galego. Para o BNG é un tema central. Queremos impulsar un novo modelo para que en 2040 o 5% das vivendas galegas sexan de promoción pública, fronte ao actual 0,3%, para evitarmos que nunca máis unha familia se atope na situación de extrema vulnerabilidade que, infelizmente, vivían Rosana e os seus tres fillos”, reivindicou. 

O BNG de Vigo esixe o cese inmediato da concelleira de Seguridade por “mentir descaradamente” sobre o tráxico incendio de Afonso X