O BNG de Vigo pide destinar os remanentes a atender as necesidades reais da cidade e non só a “cemento inaugurábel”

Xabier P. Igrexas, concelleiro e candidato á Alcaldía do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, concelleiro do BNG en Vigo

A fronte nacionalista formula dez emendas para sumar outros 25 millóns de euros que permitan incrementar as políticas de emprego e vivenda, apoiar o comercio local, crear novas escolas infantís e bibliotecas e enfrontar a pobreza enerxética e a soidade.

Xabier P. Igrexas: “O BNG presentamos emendas en positivo para atender as necesidades reais das viguesas e vigueses fronte a ese modelo de grandes inauguracións que defende o goberno de Abel Caballero”.

O BNG de Vigo pide destinar os remanentes a atender as necesidades reais da cidade e non só a “cemento inaugurábel”

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de formular dez emendas á proposta de modificación orzamentaria do Goberno municipal para incorporar 45 millóns de remanentes nas contas de 2022. A fronte nacionalista pide incrementar a partida outros 25 millóns de euros para atender as “necesidades reais” e cuestionou que o Goberno local insista en destinar o aforro da cidade só a “máis cemento inaugurábel”.

“O BNG presentamos emendas en positivo para atender as necesidades reais das viguesas e vigueses fronte a ese modelo de grandes inauguracións que defende o goberno de Abel Caballero”, explicou o concelleiro nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas, que reiterou as críticas diante da permanente inexecución orzamentaria do Goberno municipal, que deixou sen gastar 120 millóns de euros do presuposto ordinario do pasado ano.

Entre as propostas formuladas, desde o Bloque cren necesario un plan de actuacións para todos os barrios e parroquias, dotado con 7 millóns de euros. Igrexas afeou que boa parte dos investimentos proxectados polo Goberno local queden reducidos aos ámbitos centrais de Vigo, desatendendo así as numerosas demandas de infraestruturas, mantemento e dotacións do resto da cidade.

Prioridade estratéxica do emprego

A xuízo das nacionalistas, a promoción económica e do emprego ten que ser unha prioridade estratéxica das políticas municipais perante a emerxencia social que padece a cidade, con 22mil persoas rexistradas a día de hoxe no desemprego e con 13mil postos de traballo menos dos que existían en 2009. Con ese obxectivo, o Bloque propón reforzar con 3 millóns de euros adicionais o Plan Municipal de Emprego, que consideran que conta con recursos insuficientes para enfrontar o grave contexto laboral e produtivo.

Bonos para estimular o comercio local

O comercio local é outros dos eixos das emendas do BNG, que propón mobilizar 5 millóns de euros para poñer en marcha un sistema de bonos que estimulen a compra no comercio de proximidade, como existen noutros concellos galegos. “O comercio local é un dos sectores máis castigados polos efectos económicos da pandemia e, ademais, o comercio vigués é o único das sete grandes cidades galegas que non recibiu nin un só euro de axuda directa por parte do seu concello”, lembrou Igrexas.

Axencia Local de Vivenda Protexida e Social

“A principal preocupación en Vigo é o acceso social á vivenda”, subliñou o edil nacionalista. Por este motivo, o Bloque propón destinar 3 millóns e medio de euros para a creación dunha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social que sirva como primeiro paso para dispoñer dun parque municipal de vivenda social. As nacionalistas recordaron que Vigo ten o maior número de persoas rexistradas como demandantes de vivenda protexida de toda Galiza, mentres nos últimos cinco anos os prezos da vivenda incrementaron até un 20%. Unha situación que ten provocado que centos de vigueses e viguesas abandonen cada ano a cidade por “non se poder permitir o luxo de pagar os prezos privativos” da vivenda en Vigo.

Pobreza enerxética e soidade

En materia social, desde o BNG consideran urxente tomar medidas para enfrontar a crecente pobreza enerxética en Vigo, con case 19 mil fogares pasando dificultades á hora de garantir o subministro enerxético. Ademais, valoran necesario atender o elevado número de fogares habitados por un soa persoa, polo que piden crear o programa Acompañar-me, dotado con 3 millóns de euros, unha medida que busca atallar o problema da soidade de maneira multidisciplinar e ofrecer un maior acompañamento a estas persoas.

Tres novas escolas infantís

As nacionalistas apuntan tamén a unha insuficiente oferta de escolas infantís en Vigo para crianzas de 0 a 3 anos, tanto por parte da Xunta como do Concello de Vigo, como evidencian as cifras: dúas de cada tres solicitudes de praza a día de hoxe fican sen ela. Por este motivo, desde o Bloque propoñen dotar a cidade de tres novas escolas infantís municipais en Balaídos, O Calvario e Teis. Na súa emenda, piden destinar 250 mil euros para iniciar a elaboración dos proxectos para a súa construción.

Máis bibliotecas municipais

“Unha das grandes materias pendentes na cidade é a cuestión bibliotecaria”, sinalou Igrexas. Así, o edil nacionalista chamou a incrementar os investimentos nas actuais salas de lectura na Casa do Patín, Navia e no Auditorio Mar de Vigo para dotalas de máis servizos bibliotecarios. “Os indicadores internacionais fixan que ten que existir unha biblioteca por cada 15 mil habitantes, pero Vigo só dispón dunha, a Neira Vilas no Calvario, impulsada en 2011 polo BNG. Tiña que ser a primeira dunha rede municipal de bibliotecas de barrio que o goberno de Abel Caballero nunca quixo poñer en marcha”, criticou Igrexas. Nese sentido, as nacionalistas insisten en que se garanta que a futura biblioteca de Teis non se trata dunha nova sala de lectura, polo que piden ampliar en 500 mil euros a partida prevista.

Reactivar os programas xuvenís
 

Reactivar os programas de dinamización xuvenil, após a clausura nos últimos anos do Súbete ó Castro, o Punto Xove e o “adelgazamento até a anemia” da Casa da Xuventude, é outro dos puntos que en opinión do BNG precisa dun novo impulso, cunha suba de 250 mil euros nos presupostos. “Trátase de comezar a reverter a política de peche total que practicou o goberno de Abel Caballero na política xuvenil”, explicou o concelleiro do Bloque.
O BNG de Vigo pide destinar os remanentes a atender as necesidades reais da cidade e non só a “cemento inaugurábel”