COMUNICADO
Sobre o anuncio dun Pleno extraordinario en relación as represalias políticas e ideolóxicas na Deputación de Pontevedra
En relación ao anuncio do alcalde, Abel Caballero, a respeito da convocatoria dun Pleno Extraordinario do Concello de Vigo en relación á censura e represalias políticas na Deputación de Pontevedra, pola exclusión de catro relatoras do proxecto “Aquí faltan páxinas” que se significaron integrando ou apoiando as candidaturas do BNG o 18F, desde o Grupo Municipal do BNG queremos trasladar publicamente o seguinte:
1) O BNG rexistramos a última hora da mañá do día de onte, xoves 22 de febreiro, unha moción de urxencia sobre este asunto, de acordo co previsto no artigo 63.4 do Regulamento Orgánico do Pleno, para o seu debate e votación no Pleno ordinario do vindeiro luns 26 de febreiro na convicción de que os feitos que a motivan reverten tanta gravidade do punto de vista democrático que merecen de ser abordados polo máximo órgano municipal.
2) Agradecemos que o Grupo Municipal Socialista teña expresado a coincidencia na denuncia e posición que se expresa na moción de urxencia do BNG, mais non entendemos cal é a motivación para a convocatoria dun Pleno extraordinario.
3) Se o PSOE coincide, como manifestou publicamente, coa necesidade de que o Pleno de Vigo rexeite a deriva autoritaria e caciquil do actual goberno da Deputación de Pontevedra, poderá facelo no Pleno ordinario do luns sumando os seus votos aos do BNG para, en primeiro lugar, ratificar a urxencia da moción e despois para aprobar o seu contido.
4) Mesmo en termos de eficiencia non se entende ter que demorar este debate a un posterior Pleno extraordinario, no que o tratamento do asunto (formato do debate e tempos de intervención) serían os mesmos que no ordinario, e que ademais suporá un custo económico inxustificado en concepto de indemnizacións por asistencia (dietas) dos e das edís da Corporación sen dedicación exclusiva ou parcial.
5) A decisión anunciada polo Alcalde non foi posta en común nin co Grupo Municipal do BNG, nin coa Xunta de Portavoces, e fomos informados a través do Portavoz do Goberno, Carlos L. Font, despois de tela feito pública. Entendemos que abordar un asunto tan grave, como a deriva caciquil e autoritaria da Deputación, non necesita nin de sobreactuacións nin de afáns de protagonismo.
6) Xa que logo, o BNG mantemos a moción de urxencia rexistrada e agardamos contar co apoio do Grupo Municipal Socialista para o seu debate e aprobación no Pleno ordinario do vindeiro luns. Non concibimos outro escenario, xa que o contrario suporía un comportamento incomprensíbel e inexplicábel.
Vigo, Galiza, a 23 de febreiro de 2024.
Xabier P. Igrexas
Portavoz municipal do BNG de Vigo