Xabier P. Igrexas: "Non imos permitir que a Deputación volva aos tempos tenebrosos do 'Louzanato' nin que o PP a converta no seu cortello"
O pasado martes, cando pasaran só 48 horas das eleccións galegas do domingo, a Deputación de Pontevedra decidía excluír a catro relatoras do proxecto “Aquí faltan páxinas”. Un veto que chegou despois de que no mes de decembro a empresa que xestiona o proxecto contactase con elas para incorporalas nesta nova edición.
As persoas excluídas son a escritora e xornalista, referente na memoria histórica, Montse Fajardo; a escritora, Mercedes Queixas; a avogada e vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Elsa Quintas; e a profesora, Chus López Escudeiro. Persoas que contan cunha acreditada traxectoria nos ámbitos do feminismo e a memoria, que teñen como único denominador común teren participado ou apoiado publicamente ás candidaturas do BNG ás eleccións galegas do pasado 18 de febreiro.
Para o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, “trátase, de maneira evidente, dunha represalia política expresión do máis antidemocrático sectarismo, que colida de xeito flagrante co exercicio de dereitos fundamentais e liberdades democráticas como son a liberdade de pensamento, de expresión e o dereito á participación política”. Un comportamento que reproduce, segundo sinalou, “o mesmo modus operandi excluínte que están a aplicar tamén na CRTVG” na que se vén de prescindir das colaboración do divulgador Rogelio Santos Queiruga tras cuestionar a xestión da Xunta na crise dos pellets e explicitar o seu apoio á candidatura liderada por Ana Pontón.
“Este feito gravísimo é o último expoñente da política de demolición aplicada polo Partido Popular na Deputación de Pontevedra no que ten a ver coas políticas desenvolvidas entre 2015 e 2023 polo anterior goberno provincial no referido á igualdade e a memoria histórica, entre outros”, acrecentou o portavoz municipal nacionalista.
Igrexas advirte de que estamos diante “dunha involución antidemocrática que fai retornar o ente provincial aos seus anos máis escuros, marcados pola instrumentalización partidista e o caciquismo”. Por ese motivo e diante dunha “situación inaceptábel en termos democráticos”, o BNG rexistrou unha moción de urxencia coa que pretenden que o Pleno municipal exprese a máis rotunda condena e reprobación en contra do Goberno da Deputación de Pontevedra pola censura e as represalias, por causas políticas e ideolóxicas, en contra das catro relatoras que veñen de ser excluídas inxusta e inxustificadamente do proxecto “Aquí faltan páxinas”, e esixa a rectificación deses vetos antidemocráticos.
“Queremos que o Pleno do Concello de Vigo envíe unha mensaxe clara e rotunda ao Partido Popular: non imos permitir que a Deputación volva aos tempos tenebrosos do ‘Louzanato’ nin que a convertan no seu cortello”, remachou.