O BNG responsabiliza a Feijóo do “bluff” de Pemex en Barreras e urxe medidas para reactivar o sector naval de Vigo
_O responsábel local do BNG, Serafín Otero, cualifica de “indignas” as explicacións dadas polo presidente da Xunta após a cancelación do segundo flotel.
_O deputado, Luís Bará, exixiu un cambio radical na política industrial da Xunta. “O PP quere seguir a subvencionar o despece de barcos, nós queremos que se constrúan máis”.
O anuncio da paraestatal mexicana Pemex, accionista maioritario do estaleiro vigués Barreras, de que cancela a encomenda do segundo flotel, confirma, en opinión do BNG, as advertencias realizadas por parte da fronte nacionalista a respeito da falla de compromisos reais. O Bloque valorou esta mañá en rolda de prensa a situación que atravesa o naval na Ría de Vigo. Na comparecencia realizada polo responsábel local, Serafín Otero, e o deputado no Parlamento galego, Luís Bará, volveron reclamar unha mudanza radical na política industrial do goberno galego para apostar decididamente por un sector que cualifican de “estratéxico”.
Barreras
“Nós xa avisamos hai tempo de que os anuncios dos floteis non resolvían a situación do sector”, explicou Otero. Neste sentido, o responsábel local do BNG na cidade, cargou contra o papel que ten desempeñado o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. En concreto, rexeitou as explicacións dadas polo mandatario galego após o anuncio por parte de PEMEX da cancelación do segundo flotel. “A xustificación de Feijóo non é de recibo. As explicacións que deu o presidente da Xunta son indignas, sobre todo nunha persoa que leva moito tempo dicindo que se estaba a crear emprego no naval, cando iso é rotundamente falso”, reprochou.
Fronte a propaganda “electoralista” do Partido Popular, Otero contrapuxo a situación real do sector na Ría de Vigo. “Hai moi pouca carga de traballo e moi pouca xente a traballar nos estaleiros, apenas 1.300 persoas en total”, explicou. O panorama en chave de futuro non é mellor. “Barreras vai quedar practicamente sen carga de traballo. Hai a promesa dun ferry de luxo, pero sen compromiso firme, e que en ningún caso se comezaría a construír antes do mes de maio ou xuño do ano que vén”, advertiu, ao tempo que reclamaba a fin dos “anuncios que son só fume”. “A bisbarra de Vigo non soporta máis mentiras” a respeito dun sector chave no que nos últimos anos se perderon 8 mil postos de traballo directos.
"O que Feijóo presentaba como unha plataforma de salvación para o sector naval galego está acabando nun naufraxio"
En termos semellantes se expresou o deputado nacionalista no Parlamento galego, Luís Bará. “Queremos denunciar a política a respeito do sector naval, e singularmente a respeito de Barreras, que se baseou desde 2012 en anuncios a bombo e platillo que acabaron sendo un auténtico bluff, un desastre. O que Feijóo presentaba como unha plataforma de salvación para o sector naval galego está acabando nun naufraxio”.
Para Bará o “bluff” de Pemex en Barreras revela a política real de Feijóo co sector naval que consiste, segundo apuntou, “en vendelo a cachos a investidores internacionais que moitas veces o que fan é coller o noso saber facer, a nosa experiencia, para levalo para fóra”.
Alternativas
Bará anunciou que o BNG exixirá explicacións ao presidente da Xunta no Parlamento galego e que insistirán en defender alternativas concretas destinadas a reactivar o sector. “Fronte este modelo que aposta no declive e o desmantelamento do naval na Ría de Vigo, o BNG temos unha proposta alternativa que xa levamos ao Parlamento galego, que consiste nun plan de desenvolvemento do sector naval na nosa ría”. Un plan, que detallou, aséntase en tres piares fundamentais. A constitución do consorcio-público do naval na ría, con participación directa da Xunta, a creación dun fondo que lle dea “músculo financeiro” ao sector e a posta en marcha dun centro de reparacións navais na nosa ría. “Fronte o modelo do PP que recolle fondos europeos para despezar barcos, nós defendemos que Galiza ten que construílos”, remachou.
“Fronte o modelo do PP que recolle fondos europeos para despezar barcos, nós defendemos que Galiza ten que construílos”
Fronte a inestabilidade que padece o sector e o risco real de que poida “desaparecer definitivamente”, Otero exixiu que se poñan en marcha “todas as medidas necesarias, sen máis trampas, sen máis mentiras, e que realmente haxa un compromiso firme do goberno galego e do goberno español para reactivar un sector imprescindíbel para a nosa comarca”.