Serafín Otero: “A proposta de orzamentos municipais non dá resposta aos problemas reais da xente e dos barrios”
_O responsábel local do BNG, Serafín Otero, fixo unha primeira valoración da proposta de orzamentos para 2017 e anunciou a posta en marcha dunha campaña para formular unha alternativa “radicalmente diferente”.
_O Bloque presentou esta mañá en rolda de prensa as 17 alegacións presentadas ás ordenanzas fiscais aprobadas en solitario polo PSOE, por ser “socialmente inxustas”.
VIGO, 8 de novembro de 2016.- “As ordenanzas fiscais aprobadas o pasado mes de outubro e a proposta de orzamentos municipais para o ano 2017, son a clara demostración de que o Goberno local non ten un proxecto de cidade para Vigo e que seguirá sen atender os problemas reais da cidade”. Desta maneira valoraba o responsábel local do BNG, Serafín Otero, os dous documentos que determinarán a política municipal para o próximo ano.
Ordenanzas
Otero presentou esta mañá en rolda de prensa as 17 alegacións que a formación nacionalista formula ás ordenanzas fiscais, aprobadas inicialmente polo pleno do pasado 3 de outubro cos votos do PSOE. O dirixente nacionalista cualificou as ordenanzas de “insensíbeis” fronte a situación de emerxencia social que atravesa a cidade. Neste senso, lamentou que o Goberno municipal non faga uso de todas as posibilidades legais que lle brindan mecanismos como as bonificacións e as exencións fiscais, para avanzarmos cara a unha “fiscalidade socialmente xusta”, que rebaixe o esforzo fiscal das rendas máis baixas e alixeire tamén as cargas impositivas ao pequeno comercio da cidade.
Entre as medidas que se recollen nas alegacións presentadas, salienta a eliminación de cobro de xuros nos aprazamentos e fraccionamento, permitir o pago aprazado até 36 meses para as rendas máis baixas, elevar os limiares de renda para poder beneficiarse das bonificacións até o 50% do salario mínimo interprofesional (e do 75% do SMI no caso das familias numerosas). Ademais, propoñen a conxelación das taxas do Verbum, dos centros de día, escolas infantís, de ensinanzas especiais e do instituto municipal dos deportes. Demandan tamén a conxelación do recibo da auga, e urxen un novo sistema tarifario sobre consumo real.
As nacionalistas ademais de propoñeren o mantemento das tarifas do autobús, volven reclamar a posta en marcha dun novo bono social gratuíto para as persoas desempregadas de longa duración. En relación ao IBI, o Bloque propón unha bonificación do 95% para as vivendas que sexan residencia habitual cando as familias teñan ingresos per cápita por baixo dos 1.310,10€ anuais, e dun 75% con ingresos per cápita entre 1.3010,10€ e 2.260,20€. Alías, defenden que a Igrexa Católica pague o IBI polos bens inmobles que non estean exentos legalmente, e ao tempo, que a Universidade de Vigo e os locais de entidades sen ánimo de lucro, destinados a actividades de carácter social, se beneficien dunha bonificación do 95%.
Reducir as taxas de licenzas de actividade e instalación para os locais de menos de 500m2 e rebaixar o recibo da recollida de lixo nun 5% para os locais de menos de 50m2, son as propostas nacionalistas para axudar ao pequeno tecido comercial da cidade. Por último propoñen medidas como recargar cun 75% o IBI das vivendas desocupadas, aumentar un 50% as taxas dos caixeiros automáticos da banca e actualizar nun 5% o IAE, que só abonan as empresas cunha cifra de negocios neta anual superior ao millón de euros.
Alternativa participativa aos orzamentos
A falla de que se faga público o expediente completo da proposta de orzamentos para o 2017, aprobada pola Xunta de Goberno Local a semana pasada, desde o BNG fixeron tamén unha primeira valoración global. Para Serafín Otero as contas deseñadas por Caballero son continuístas. “Con estes presupostos o Concello continuará sen dar resposta ás principais necesidades da cidade, insistindo na súa política de aparencias coa que pretende ocultar unha xestión nula”, valorou. Ademais cargou contra a opacidade e falla de participación na súa elaboración asegurando que “son unhas contas elaboradas desde os despachos, de costas á cidadanía, sen escoitar os colectivos e organizacións sociais. Uns presupostos que só teñen en conta a opinión do PSOE, non a da cidade.”
“Con estes presupostos o Concello continuará sen dar resposta ás principais necesidades da cidade, insistindo na súa política de aparencias coa que pretende ocultar unha xestión nula", Serafín Otero
Otero criticou que o investimento, que aumenta de maneira importante, se continúe a concentrar en pavimentación de rúas e grandes infraestruturas, mentres necesidades dotacionais urxentes como a ampliación da rede de escolas infantís municipais continúan pendentes. “É evidente que hai importantes ámbitos da cidade que precisan de actuación nas súas rúas, pero tamén é evidente que Vigo non pode continuar cunha oferta tan insuficiente en prazas de escolas infantís ou cunha rede de bibliotecas ridícula para unha cidade do noso tamaño, por citar apenas dous exemplos”, explicou o responsábel local da fronte nacionalista.
As principais críticas do Bloque refírense aos capítulos de gasto social e de políticas de emprego. A este respeito Otero declarouse “moi preocupado” ao ver que “diante dunha situación de emerxencia social e laboral, cuns niveis de desemprego e precariedade laboral que non remontan, a resposta do PSOE é conxelar os orzamentos destinados á promoción do emprego e da actividade económica”. Igualmente, cualifican de “insensibilidade” que as partidas destinadas a axudas sociais apenas se vexan incrementadas, “cando é notorio que hai moita xente que precisa axuda que fica sen ela, e que as contías son abrumadoramente insuficientes”
A formación nacionalista anunciou a posta en marcha dunha campaña a nivel social para elaborar de maneira participativa unha alternativa “radicalmente diferente”. A campaña, que desenvolverán baixo o lema “Decidirmos entre todas/os, para xuntos/as construír o Vigo que merecemos” incluirá unha rolda de encontros con colectivos veciñais e organizacións sociais, que onte xa se iniciou cunha xuntanza coa Asociación Veciñal do Casco Vello, e coa que pretenden recoller as demandas do tecido social da cidade. Ademais, o BNG habilitou na súa páxina web (www.vigo.bng.gal) unha sección na que calquera veciño ou veciña pode facer chegar vía electrónica as súas ideas, propostas ou suxestións en relación aos orzamentos municipais. As nacionalistas teñen previsto realizar tamén actos públicos abertos no barrios e parroquias con esta mesma finalidade. Todas as propostas que recollan serán levadas ao pleno en forma de alegacións.
O obxectivo da campaña sintetizouno Otero ao explicar que “O BNG queremos servir de instrumento para a participación que o Alcalde lles nega aos veciños e veciñas e aos colectivos sociais da cidade, para decidir sobre algo tan importante como en que se van gastar os cartos de todos e todas”.
_DESCARGA: Alegacións presentadas polo BNG ás ordenanzas fiscais.