O BNG pide a Caballero que convoque a Vitrasa e Comité de Empresa para desbloquear de verdade o conflito do bus

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista esixe que o Concello deixe de ser un “convidado de pedra” como titular do servizo, despois da “tomadura de pelo” da mediación do pasado venres no AGA

Xabier P. Igrexas: “É hora de que o Concello de Vigo dea un golpe na mesa diante da actitude pirata e irresponsábel da empresa”

O BNG pide a Caballero que convoque a Vitrasa e Comité de Empresa para desbloquear de verdade o conflito do bus

O Bloque Nacionalista Galego pide o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que convoque de maneira “inmediata e urxente” unha reunión coa dirección de Vitrasa e co Comité de Empresa para desbloquear de verdade o conflito do bus urbano. A fronte nacionalista esixe que o Concello deixe de ser un “convidado de pedra” como titular do servizo, despois da “tomadura de pelo” da mediación do pasado venres no AGA na que a empresa non presentou ningunha proposta á representación do persoal.

“O BNG demandamos a Caballero que convoque hoxe mesmo ás partes para avanzar cara a unha solución a este conflito que se estende xa por máis de dous anos”, reclamou o portavoz municipal do BNG de Vigo, que trasladou formalmente este martes a petición ao rexedor. Lembrou nese sentido que este pasado luns, durante unha protesta no Pleno municipal, a tenente de alcalde, Carmela Silva, afirmou que “tomaba nota” das demandas do persoal.

“É hora de que o Concello de Vigo dea un golpe na mesa diante da actitude pirata e irresponsábel da empresa”, instou o voceiro nacionalista, quen afeou a posición de “bloqueo” da concesionaria no relativo á negociación do novo convenio colectivo. “O Concello ten que actuar con toda a determinación para que se atendan as xustas reivindicacións dos traballadores e traballadoras de Vitrasa”, engadiu.

Responsabilidade de Caballero

Dende o BNG insistiron na responsabilidade do Goberno de Caballero nun conflito que afecta a un servizo de titularidade municipal e cun carácter esencial na mobilidade da cidade.  Igrexas asegurou que as numerosas xornadas de paros parciais e folga dende agosto de 2021, e os evidentes prexuízos para a veciñanza, están motivados nos “reiterados e graves incumprimentos” da concesionaria, tanto das obrigas recollidas no prego da concesión como co seu propio persoal.

A isto sumou a “escalada de represión antisindical” da dirección da empresa, que impuxo de maneira “arbitraria e inxusta” sancións moi graves contra 12 traballadores e traballadoras, entre eles varios membros do Comité de Empresa, no marco de exercicio dos seus dereitos fundamentais nas xornadas de folga. 

O BNG pide a Caballero que convoque a Vitrasa e Comité de Empresa para desbloquear de verdade o conflito do bus