O BNG chama en Vigo a concentrar o voto da mocidade que non se resigna a escoller entre precariedade ou emigración

Roberto Pascual xunto con militancia de Galiza Nova, o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, e a deputada Carmela González
Roberto Pascual xunto con militancia de Galiza Nova, o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, e a deputada Carmela González

A fronte nacionalista apela as mozas e mozos “rebeldes, inconformistas e comprometidos” a apoiar a candidatura encabezada por Ana Miranda nas eleccións europeas do 9X

Roberto Pascual: “A mocidade galega ten o poder para contestar este domingo contundentemente ao discurso do odio, con firmeza antifascista, ecoloxista e galeguista”

O BNG chama en Vigo a concentrar o voto da mocidade que non se resigna a escoller entre precariedade ou emigración

O Bloque Nacionalista Galego chama en Vigo a concentrar o voto da mocidade que non se resigna a escoller entre precariedade ou emigración. A fronte nacionalista apela as mozas e mozos “rebeldes, inconformistas e comprometidos” a apoiar a candidatura encabezada por Ana Miranda nas eleccións europeas do 9 de xuño.

“A mocidade galega ten o poder, co seu voto, para contestar este domingo de forma contundente ao discurso do odio, para contestar con firmeza ecoloxista, antifascista e galeguista á Europa neoliberal que nos quere impoñer a dereita”, afirmou na mensaxe de fin de campaña o candidato aos comicios europeos, Roberto Pascual, acompañado de militancia de Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, xunto co portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, e coa deputada no Parlamento galego, Carmela González.

Pascual manifestou que a mocidade galega vai ter un “papel fundamental” nas eleccións do vindeiro domingo para defender o seu “dereito a vivir dignamente”. Un compromiso para poñer freo á emigración xuvenil e con alternativas para que as máis de 200 mil mozos e mozas galegas que tiveron que facer as maletas na última década poidan retornar e desenvolver os seus proxectos de vida na súa terra.

O candidato nacionalista asegurou que a papeleta do Bloque é tamén un voto en prol das causas xustas. “A aquelas e aqueles mozos comprometidos queremos dicirlles que teñen no BNG unha voz para construír un futuro de paz e de solidariedade entre os pobos”.

Dende a fronte nacionalista chamaron nese sentido a un apoio masivo este próximo domingo pola única candidatura que garante que Galiza e Vigo teñan voz propia en Europa. “Só a voz de Ana Miranda e do BNG vai facer valer os nosos intereses e defender un futuro digno e con dereitos para a nosa mocidade”.

Apoio de Vigo ao BNG

Pola súa banda, o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, apelou a todas as viguesas e vigueses que fixeron posíbel no último ano que o BNG triplicase a súa representación no Concello nas pasadas eleccións municipais, que aumentara nun 45% o apoio nos comicios xerais de xullo e que protagonizaron o “fito histórico” de que a fronte nacionalista fose a primeira forza política na maior cidade do país nas eleccións galegas.

“A todos e todas elas tendémoslle de novo a man na certeza de que este 9 de xuño só hai unha papeleta para que Vigo e Galiza estean presentes en Europea, a papeleta do BNG”, afirmou Igrexas, poñendo en valor a importancia de que a voz da viguesa Ana Miranda continúe no Parlamento europeo. 

O BNG chama en Vigo a concentrar o voto da mocidade que non se resigna a escoller entre precariedade ou emigración