Aprobada a moción do BNG para compensar a perda do poder adquisitivo dos traballadores públicos

Aprobada a moción do BNG para compensar a perda do poder adquisitivo dos traballadores públicos

O Bloque Nacionalista Galego acadou o repaldo do pleno vigués, en concreto os votos do PsdeG, para aprobar a moción que insta ao goberno local, por unha banda, a rexeitar o RD-Lei 10/2012 do 13 de xullo que aminora a retribución dos empregados e empregadas públicos, e por outra a compensar a perda do seu poder adquisitivo.

“Estas medidas están tomadas sen consenso e sen negociación e nos obrigan a ser cómplices duns recortes cos que o BNG nunca estará de acordo”, asegurou Santi Domínguez.

 

O portavoz municipal do BNG denunciou que a crise serve ao PP de “pretexto para eliminar o Estado de benestar”, de xeito que as decisións que toma só provocan o agravamento da crise económica e un forte aumento do desemprego. Segundo apuntou, estas decisións agravan ademais a situación dun traballadores que “lonxe de ser culpables da crise levan moitos anos padecéndoa”.

Adianto a xaneiro

Santi Domínguez salientou que, en consecuencia, nas localidades nas que goberna, o Bloque pon en marcha medidas tendentes a compensar esa perda de poder adquisitivo que impulsa o PP coas súas decisións. Apuntou que esas medidas xa se están executando noutros territorios e entre elas sinalou o adianto a xaneiro da paga extraordinaria correspondente ao mes de xullo ou o pago de pluses de produtividade.

“Se tan mal estaba todo, por que Rajoy se presentou ás eleccións? Presentouse acaso enganado?”, comentou o nacionalista en resposta á intervención do portavoz municipal dos populares, que botou a culpa da crise ao despilfaro do goberno anterior.

Santi Domínguez tamén fixo referencia ao presidente da Xunta, que nas pasadas eleccións autonómicas asegurara que en 45 días remataría coa crise e o paro. Pola contra, asegurou que as políticas de Rajoy e Feijóo están “moi claras” en Galiza, xa que a comunidade está máis endebedada que cando rematou o goberno do bipartito e o paro aumentou máis que a media estatal.

 

Aprobada a moción do BNG para compensar a perda do poder adquisitivo dos traballadores públicos