Adán: Calquera euro que se invista en investigación e desenvolvemento repercute en máis emprego"
A número 2 do BNG por Pontevedra, Carme Adán, destacou esta importancia que ten para o BNG o investimento en investigación e desenvolvemento, xa que subliñou que calquera euro que invista nestes eidos repercutirá na creación de emprego. Tras un encontro celebrado co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e no que tamén participaron o portavoz municipal, Santi Domínguez, e a concelleira Iolanda Veloso, a nacionalista fixo fincapé na aposta que fai o Bloque pola Universidade pública.
Calquera euro que nós poidamos poñer en innovación e desenvolvemento transfórmase despois na creación de emprego e dun espazo para que a xente moza poida desenvolverse no seu país, salientou. Pola contra, defendeu que calquera euro que se recorte en I+D, como nestes momentos están a facer Feijóo e Rajoy, pagarémolo no futuro, salientou, ao tempo que calificou de erro a política educativa de Feijóo
Ao seu xuízo, eses recortes pagarémolo en todos os niveis, na creación de emprego, na emigración da xente moza e na posibilidade de saír da crise. Neste sentido apuntou que calquera estudo económico di claramente que calquera forma de saír da crise pasa pola investigación, a innovación e modificar os modelos de empregabilidade.
En concreto sobre a Universidade de Vigo, Carme Adán destacou que é un erro de Feijóo que a deixe sen os fondos tecnolóxicos e tente dicir que non sabe nada. Asegurou asemade que é un erro de Feijóo e do goberno galego deixar a esa universidade que é punteira sen estes fondos.
Descenso do PIB
Criticou tamén o descenso de investimento para programas de investigación. Entendemos que a perda de investigadores nestes tres anos e medio é moi preocupante, asegurou. Neste sentido apuntou que no 2008 en Galiza a investigación significaba o 1,04% do PIB, mentres que neste momento descendeu ao 0,6%.
Posteriormente á xuntanza co reitor, a candidata nacionalista mantivo un encontro coa comunidade educativa no explicou as principais medidas polas que aposta o BNG. Entre elas, Carme Adán destacou que o programa inclúe a recuperación do espírito do INCITE, un plan de investigacvióm desenvolvido dende as universidades, pero contando coas empresas, destacou.