Aymerich: Para cambiar o goberno galego cómpre superar a desmobilización que propicia o PP
O cabeza de lista BNG por Pontevedra, Carlos Aymerich, asegurou esta tarde en Vigo que cambiar o goberno da Xunta é posible, pero que para acadalo cómpre superar a desmobilización que propicia o PP. Nun acto público no que tamén interviu a concelleira Iolanda Veloso, o nacionalista criticou nesta liña que as decisións políticas de Feijóo afectan o peto da maioría dos galegos e galegas ao recortar en servizos públicos básicos como educación e sanidade.
Cociñas aparte, as enquisas mostran que a gran maioría dos galegos e galegas queren que o PP deixe de gobernar en Galiza, subliñou o candidato. Neste sentido, destacou que o reto do BNG é convertir esa maioría social nunha maioría nas urnas o 21 de outubro.
Para Aymerich, votar ao BNG é o camiño seguro para acadar ese reto, pero defendeu que para conseguilo hai que superar o desencanto e a desmobilización que propician o PP, así como a división do voto que procuran. Teñen como consigna o de divide e vencerás, pero o que está claro é que a única alternativa ás políticas de recortes é o BNG, salientou.
O PP di que non vai cambiar nada, pero eu dígovos que o cambio si é posible e que si son posibles outras políticas diferentes, manifestou o nacionalista diante de máis dun cento de persoas que se achegaron á praza do Emigrante. Pero nós nos imos facer o que fixeron outros en Estremadura ou Andalucía, sinalou.
Banca pública
Lembrou, por outra banda, que o polígono de Coia fíxose grazas aos aforros de milleiros de vigueses e viguesas a través da antiga Caixanova. Pero todos e todas debemos saber que cando pasen as eleccións a trocerarán e a venderán, non sabemos se a Botín ou a Gayoso, sinalou. Fronte a este banco que non dá crédito o BNG quere que Novagalicia banco sexa un banco público que dea o crédito que as nosas industrias e as nosas familias precisan, subliñou.
Dísenos que non hai cartos e que vivimos por riba das nosas posibilidades, pero o que non se nos di é que haberá nos orzamentos do próximo ano 21.000 millóns de euros a fondo perdido para os bancos, que os sacarán do repago dos medicamentos e do recorte das bolsas, explicou.
Afondando nesta idea, a concelleira Iolanda Veloso asegurou que o BNG aposta por que nós gobernemos os nosos recursos. Poñendo exemplos concretos destacou a pertinencia de que as empresas paguen os seus impostos en Galiza e que compre apostar polos sectores produtivos galegos. No Bloque pensamos que podemos vivir dos nosos recursos, destacou.