Aymerich: O comercio é un dos grandes sectores damnificados pola política do Partido Popular
O cabeza de lista do do BNG pola provincia de Pontevedra, Carlos Aymerich, denunciou hoxe que o pequeno e mediano comercio é un dos grandes sectores damnificados pola política do PP nestes tres anos e medio de goberno na Xunta. Pola contra, destacou que o Bloque Nacionalista Galego aposta por unha política completamente distinta que protexa o comercio tradicional e fomente a comercialización dos nosos produtos.
Dixeron que non ían subir impostos e os subiron: subiron o IVE e os impostos que gravan a actividade comercial, como o canon da auga, que castiga especialmente a hostelería e o pequeno comercio, criticou Aymerich durante un acto celebrado esta mañá en Sabarís.
O nacionalista constatou a existencia dunha política en materia de horarios e de licenzas claramente favorable ás grandes superficies comerciais en detrimento do pequeno comercio. Neste sentido apuntou que o goberno de Feijoo en materia de comercio caracterizouse pola submisión ás políticas impulsadas polo Goberno do Estado que invaden as compe¬tencias exclusivas que en materia de comercio interior ten a Xunta de Galiza.
E o goberno galego, en lugar de plantarse, amosou unha actitude cómplice con esas decisións que agudizan aínda máis a crise do comercio tradi¬cional en Galiza, acusou Aymerich. Fronte a esta actitude, asegurou que dende o BNG apostamos por unha política que faga do comercio un dos intrumentos e unha das ferramentas para poñer o país a producir e que Galiza se desenvolva.
Plan sectorial
O candidato do BNG comentou asemade que unha das prioridades dos nacionalistas e a elaboración dun plan sectorial de equipamentos comerciais co obxecto de acadar un nivel axeitado de equipamento comercial e unha correcta distribución territorial dos estabelecementos. Cómpre asegurar a necesaria accesibilidade de toda a poboación a unha oferta comercial equilibrada e suficiente, destacou.