Ana Miranda pide que as axudas europeas á pesca sexan para modernizar e facer seguros os barcos
A cabeza de lista do BNG participou nun acto diante da Axencia Comunitaria de Control da Pesca en Vigo, onde denunciou os límites de captura insuficientes que marxinan e afogan ao sector pesqueiro galego
Ana Miranda dixo que o bipartidismo harmónico españolista do PP e o PSOE ten un referente no alcalde híbrido da cidade de Vigo
Vigo, 13 de maio 2014.- A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, pediu esta mañá en Vigo que os fondos europeos destinados á pesca sexan para modernizar os barcos e facelos máis seguros e non para desguazalos. Ana Miranda lembrou os últimos sinistros producidos no mar, algún na mesma boca da ría de Vigo, e pediu fondos para mellorar a tecnoloxía dos barcos e incrementar as medidas de seguridade das tripulacións.
A candidata do Bloque, que participou nun acto reivindicativo diante da Axencia Comunitaria de Control da Pesca, con sede en Vigo, baixo o lema A Unión Europea arruina a pesca galega, denunciou que as políticas europeas mandan á nosa frota pesqueira á chatarra porque impón límites de captura insuficientes que marxinan e afogan ao sector pesqueiro galego, dixo. Estamos en Vigo, o porto pesqueiro galego máis importante en pesca fresca, temos un sector competitivo e tripulacións moi ben formadas pero esta UE non nos deixa traballar, denunciou.
Ana Miranda explicou que a Política Pesqueira Común (PPC) da UE marxina á frota de galega. Puxo como exemplo as cotas da xarda, sardiña ou xurelo, principais especies que captura a frota galega de litoral totalmente insuficientes para o que representa o noso país a nivel pesqueiro, e máis se se comparan coas que teñen frotas de outros países ou mesmo frotas doutras partes do Estado, como vascos ou andaluces, dixo.
Ana Miranda, que estivo acompañada polo deputado Daniel Rodas, responsable de pesca do BNG no Parlamento galego, o responsable de CIG-Mar, Xabier Aboi e os concelleiros do BNG de Vigo, criticou que Galiza, que é a maior potencia pesqueira da Unión Europea por número de barcos, fose marxinada no reparto da cota pesqueira da xarda, por exemplo, onde os 153 barcos galegos do cerco só recibiron 3.400 toneladas, fronte aos límites de captura dos que dispoñen outros países con menor potencial pesqueiro, como Gran Bretaña, que dispón de 288.000 toneladas, ou as Illas Feroe, que conta só con 55.000 habitantes e dispón de 150.000 toneladas, explicou.
Autoestrada do mar Vigo-Nantes
Ana Miranda tamén se referiu á decisión que mañá tomará a Comisión Europea en relación a se dá luz verde ou non á autoestrada do mar entre Francia e Vigo e acusou ao PP e ao PSOE de deixar tirado ao Porto de Vigo en Bruxelas e vir agora, en campaña electoral, a botar as redes para tentar pescar votos en Galiza. O señor Pepe Blanco e a señora Ana Pastor, o PP e o PSOE, foron os culpables de que o Porto de Vigo quedara fóra da rede europea de portos de interese comunitario. Todos os vigueses e viguesas saben que só o BNG defendeu o Porto de Vigo en Bruxelas. É vergoñento que veñan agora en campaña a tentar lavar as súas culpas, afirmou a cabeza de lista do BNG.
Bipartidismo harmónico de PP e PSOE
A candidata nacionalista acusou ao PP e ao PSOE de votar xuntos no Parlamento Europeo na maioría dos asuntos e de compartir un modelo de Europa que prima pagar a débeda aos bancos a costa de afogar aos cidadáns con recortes e baixadas de salarios. Ana Miranda afirmou que ese bipartidismo harmónico españolista do PP e o PSOE ten un referente no alcalde híbrido da cidade de Vigo.
A candidata nacionalista asegurou que PP e PSOE defenden o mesmo modelo de Europa. Ese bipartidismo harmónico españolista do PP e do PSOE, en plena lúa de mel estes días, ofrecen a Europa da troika, a Europa que rescata a banca que nos rouba os aforros, a Europa que manda emigrar a 100.000 mozos e mozas, a Europa dos 300.000 galegas e galegos que non encontran emprego nin buscando debaixo das pedras, a Europa que paga salarios de miseria que te fan pobre aínda que traballes, a Europa que privatiza servizos públicos, a Europa que permite paraísos fiscais mentres levanta balados con coitelas contra os pobres do mundo, asegurou.