O BNG defenderá no vindeiro pleno sete propostas de apoio inequívoco para impulsar Peinador
Iolanda Veloso anunciou que os acordos propostos ao pleno de Vigo son os mesmos que recentemente aprobou o Concello da Coruña para Alvedro
Vigo, 14 de maio de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, destacou que o grupo nacionalista levará ao vindeiro pleno unha moción que amosa o apoio inequívoco do Bloque ao aeroporto de Peinador. Explicou que esta iniciativa xurdiu da aprobada recentemente no Concello coruñés en defensa do aeroporto de Alvedro, polo que avanzou que os acordos a debater en Vigo serán os mesmos.
Temos moi claro que o BNG ten unha posición de país e mantemos a mesma postura en todas partes, subliñou a voceira nacionalista, ao tempo que criticou que o alcalde prefira dedicar o seu tempo e a súa enerxía a comentar acordos plenarios de outros concellos en lugar de traballar por Peinador.
Iolanda Veloso apuntou que precisamente esta preocupación do alcalde foi o que motivou que o Bloque propoña ao pleno vigués adoptar os mesmos acordos aprobados no concello da Coruña. Neste sentido destacou que esta iniciativa propón amosar a unidade sen fisuras de todos os interlocutores políticos, sociais, económicos, laborais e institucionais da cidade para manter e mellorar a competitividade e sustentabilidade no tempo de Peinador, así somo esixir que se realicen os investimentos previstos no aeroporto.
O documento do Bloque tamén insta a amosar o inequívoco compromiso do Concello de Vigo de continuar coa política estratéxica de acordos que dan a coñecer o amplo abano cultural, gastronómico, turístico e de negocios da cidade. Asemade, inclúe solicitar da Xunta de Galiza un trato idéntico e equitativo para os tres aeroportos, con propostas de coordinación para que as tres terminais.
Apoiar a potenciación do aeroporto de Peinador como terminal de mercadorías como elemento fortalecedor da economía de Vigo e a súa área e solicitar á Xunta de Galiza a mellora da conectividade da área metropolitana co aeroporto de Peinador, así como potenciar o seu interese público, son os outros dous acordos que proporá o grupo nacionalista no pleno vigués.
Estas medidas foron aprobadas na Coruña para potenciar o aeroporto de Alvedro e en Vigo nós propoñemos que se aproben para potenciar o aeroporto de Peinador, subliñou a voceira do BNG, quen salientou que o BNG esixe tanto aos responsables da Xunta e do Estado como ao alcalde que fagan algo polo aeroporto de Peinador".
Críticas á ministra de Fomento
Iolanda Veloso destacou que a situación de Peinador é a máis grave dos tres aeroportos galegos, pero fronte a esta situación nin o goberno do Estado nin a Xunta fixeron nada. O BNG leva tempo reclamando un sistema aeroportuario galego con 3 aeroportos competitivos e que non se continúe a política de competencia entre eles, salientou recordando o acordo aprobado por unanimidade no Parlamento galego a proposta do BNG.
Neste sentido criticou a inacción de Ana Pastor, que ao seu xuízo non fixo absolutamente nada polos aeroportos galegos nin polo aeroporto de Peinador. Segundo manifestou a voceira do BNG, hai anos que a ministra de Fomento admitiu a necesidade de elaborar un plan estratéxico do que non se sabe nada.
Igualmente criticou as declaracións que a ministra fixo hai días defendendo que Lavacolla centralice os voos internacionais e Peinador o tráfico de mercadorías. Levamos moitos anos escoitando esta proposta simplista e non nos parece a solución porque hai que buscar a complementariedade dos tres aeroportos e a proposta de Ana Pastor non beneficiaría a Peinador, sinalou.
Aena recoñece a potencialidade de Peinador, pero a idea de centralizar en Santiago os voos internacionais non serve para aproveitar ese potencial, destacou Iolanda Veloso.
Incumprimentos do Concello de Vigo
A portavoz municipal do BNG recordou que no Concello de Vigo tamén se ten debatido moito sobre Peinador. En concreto, recordou que en agosto do ano pasado aprobouse unha proposta do BNG, cos votos nacionalistas e do PSOE, no que se recollían acordos sobre rutas, financiamento (que implicaba á Xunta e á Deputación) e as actuacións a desenvolver en función das competencias municipais que servisen para impulsar o aeroporto de Vigo.
Desde agosto, a realidade é que non se fixo nada por Peinador. O único que se fixo desde o Concello de Vigo é unha convocatoria para as liñas aéreas que quedou deserta, e de tantas outras cousas que se poderían facer non se fixo absolutamente nada, subliñou Iolanda Veloso.
A voceira nacionalista denunciou que, pola contra, a posición do alcalde consiste en deixar de reivindicar fronte ao PP as accións para mellorar Peinador minimizando as declaracións de Ana Pastor. Non é o BNG quen promove un aeroporto fronte a outro, como si fai o PP. Nin é o BNG quen vai contra Peinador, mentres o alcalde non fai nada para impulsalo, manifestou.
Oposición ás subvencións
O BNG sempre manifestou a súa oposición a que os concellos teñan que ocuparse de subvencionar aeroliñas, tal e como recolle o acordo aprobado o 5 de agosto pasado polo PSOE e o Bloque, asegurou a portavoz municipal nacionalista en resposta ás preguntas dos medios, e tal e como se pode constatar no documento aprobado no Concello da Coruña e proposto ao pleno vigués.
Iolanda Veloso considerou que o problema dos aeroportos galegos é un problema de promoción da competencia, que segundo apuntou prexudica ao aeroporto quen ten peor punto de partida como é o de Peinador. Nós seguiremos demandando aos responsables da Xunta e do Estado, así como ao alcalde de Vigo que fagan algo polo aeroporto de Peinador para que poida saír da crise, concluíu.