O BNG denuncia o histórico peche de camas hospitalarias que prevé o Sergas durante o verán
Manuel Moreira e Iolanda Veloso subliñan nun acto diante do Hospital Xeral que o Bloque ten que estar en Europa para defender a sanidade pública
Vigo, 12 de maio de 2014.- O candidato 8 do BNG ao Parlamento europeo, Manuel Moreira, e a portavoz municipal, Iolanda Veloso, criticaron o anuncio histórico de peche de camas hospitalarias en Vigo para este verán. Segundo denunciaron esta decisións demostra cal é a aposta do PP en materia sanitaria.
Para o BNG é fundamental estar no Parlamento europeo para defender alí a sanidade pública, destacou Manuel González Moreira, quen dixo tamén que é preciso que o BNG estea para que se escoite a voz da maioría á que se lle recortan os seus dereitos.
O candidato nacionalista e portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública sinalou que o PP e o PSOE comparten as mesmas medidas de austeridade que para o Bloque son de austericidio, e que nos deixan sen postos de traballo e sen servizos públicos.
González Moreira apuntou que precisamente os servizos sanitarios son, xunto ao ensino, dos máis afectados polos recortes que executa o PP na nosa cidade. Vigo é exemplo das políticas privatizadoras do PP, asegurou, en relación a construción do novo hospital por unha empresa privada.
O PP traballa para favorecer os intereses das empresas
Nesta liña, Iolanda Veloso criticou que mentres na cidade temos un hospital público completamente saturado, o Sergas anuncia un peche histórico de camas no verán, que afectará a 256 das 1.230 que existen en Vigo.
O BNG leva denunciando a situación hospitalaria de Vigo desde hai moito tempo, manifestou a portavoz municipal do Bloque ao lembrar as protestas polo peche o ano pasado das camas correspondentes a xinecoloxía. Pero este ano padeceremos un peche histórico, criticou.
Salientou que fronte a esta situación a única solución que se lle ocorre ao PP é construír un hospital privatizado, que custará o triplo que se fose público e que vai tomar decisións sobre a nosa saúde. Para a voceira nacionalista, estas decisións demostran que o PP traballa para favorecer os intereses das empresas privadas e non polos pacientes.
Como exemplo das políticas crueis do Partido Popular, Iolanda Veloso tamén mencionou o problema que sofren os lesionados medulares. Teñen que trasladarse a Coruña porque o PP négase a abrir unha unidade en Vigo, denunciou.