Ana Miranda pide o voto para o Bloque porque “é o voto que lles doe aos que nos rouban o futuro"

Ana Miranda pide o voto para o Bloque porque “é o voto que lles doe aos que nos rouban o futuro"

A candidata nacionalista pide o voto no peche de campaña en Vigo “para que Galiza teña voz directa en Europa, para parar a troika e os recortes do PP e pola democracia e a liberdade de expresión”

A cabeza de lista do BNG acusa a PP e PSOE de “deixar tirada á cidade de Vigo” cando foi o debate sobre o Porto Nodal e cando se discutiu o saneamento da ría

 

mitin Vigo4 (23-5-14)Vigo, 23 de maio 2014.- A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, pediu hoxe á cidadanía galega que vaia votar este domingo ao BNG “porque é o voto que lles doe aos que nos rouban o futuro como persoas e como pobo”.“Os do Bloque somos dos teus. Demos a cara contigo nas rúas contra os que rouban todo aquilo que che importa. Non te imos deixar tirado. Este domingo non quedes na casa. Rebélate. Vota BNG porque se o Bloque está, Galiza está”, afirmou a candidata nacionalista no mitin de peche de campaña en Vigo.

Diante de centos de persoas que acudiron a este acto na Estación Marítima de Vigo e xunto ao portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, a candidata nacionalista pediu o voto para o Bloque “para que Galiza teña voz directa en Europa, sen intermediarios nin permisos de Madrid” e dixo que o voto ao BNG é tamén “un voto contra a troika e os recortes do PP e en favor da democracia e a liberdade de expresión”.

“Fomos atacados nesta campaña, puxéronnos todo tipo de atrancos, fomos censurados pola Xunta Electoral e pola Falanxe rosa e non foi casualidade. Atacáronnos porque somos o voto que lles doe”, afirmou a cabeza de lista do Bloque, que criticou que “o voto de 103724 galegas e galegos só valla 18 segundos na TVG”. “Pero non puideron con nós nin van poder, porque somos un pobo en resistencia e este domingo as urnas deste país estarán chegas de votos ao BNG”, asegurou.

mitin Vigo1 (23-5-14)

“O PP e o PSOE deixaron tirada á cidade de Vigo no Parlamento Europeo”

Ana Miranda, que vive en Bouzas e se criou nas Travesas, acusou aos eurodeputados do PP e do PSOE de “deixar tirada a Vigo, a miña cidade”, en cuestións como o Porto Nodal ou o saneamento integral da ría. “Cando se debateu a rede de transportes da UE só ao porto de Vigo só o defendeu o BNG, o PP e o PSOE fixeron o paripé, miraron para outro lado e, chegado o momento da verdade deixaron tirado a Vigo e apoiaron a Tenerife e cando os do Bloque pedimos na Eurocámara o saneamento integral da ría o único que fixeron os do PP e do PSOE foron boicotear o informe do Parlamento Europeo”, denunciou Ana Miranda.

“A solución non virá de forzas estatais de obediencia madrileña”

“A solución non virá de fóra, non virá das forzas estatais de obediencia madrileña, que sempre deixan tirada Galiza”, dixo Ana Miranda, que criticou ao PP e ao PSOE e dixo que “na defensa dos intereses galegos tanto monta, monta tanto Arias Cañete coma José Blanco”. A cabeza de lista do Bloque dixo que “para o bipartidismo harmónico españolista Galiza e os intereses dos galegos e galegas sempre poden esperar”, mentres para o BNG “Galiza é primeiro, como demostramos en Europa todos estes anos”. “Sábeno ben os 10.000 traballadores do sector naval que perderon o seu emprego porque nin Rajoy nin Almunia, ese comisario do PSOE, souberon buscar unha solución en Bruxelas”, denunciou a candidata do Bloque.

mitin Vigo2 (23-5-14)

A troika en Galiza chámase Feijóo

A candidata nacionalista ao Parlamento Europeo asegurou ademais que “a troika en Galiza chámase Feijóo, porque representa os recortes de servizos públicos, de educación, de sanidade, das pensións, de salarios”. “Feijóo e o PP son a troika en Galiza, os executores dunha política que causa emigración, paro, pobreza, exclusión social e mesmo fame”, insistiu.

Tamén criticou que ande Feijóo “coa leria de que non se pode votar ás minorías” e dixo que “quen representa á minoría é o PP, porque só representa aos ricos e ás grandes empresas do IBEX, a esa minoría que provocou a crise”, denunciou. En cambio, dixo Ana Miranda, “quen representa á maioría social deste país é o BNG, porque defende aos sectores produtivos, aos pensionistas acosados, aos aforradores estafados, á mocidade que emigra, aos que non encontran traballo nin buscando debaixo das pedras, aos que están ao lado dos que defenden os servizos públicos de calidade e para todos e todas”, dixo.

No mitin de peche de campaña do BNG, ademais de Ana Miranda e Xavier Vence, falaron a portavoz municipal do BNG en Vigo, Iolanda Veloso, e representantes dos colectivos que máis están a sufrir as consecuencias das políticas da troika que aplican o PP e o PSOE, como afectados polas hipotecas, estafados das preferentes, mozos ou traballadores do naval.

 

Ana Miranda pide o voto para o Bloque porque “é o voto que lles doe aos que nos rouban o futuro"