Iolanda Veloso: A conclusión clara das eleccións é que a cidadanía castiga o pacto PP-PSOE
A portavoz municipal destaca que mentres o BNG mantén a tendencia á baixa de anteriores citas electorais a baixada dos dous partidos maioritarios é rechamante
O responsable local Henrique Viéitez salienta que o Bloque baixa en votos pero sobe en presenza social e maior achegamento á xente
Vigo, 27 de maio de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, e o responsable local do Bloque vigués, Henrique Viéitez, fixeron a valoración dos resultados electorais da fronte nacionalista na cidade. Segundo subliñaron, das tres forzas políticas con representación municipal o castigo máis forte é o que sofren PP e PSOE, polo que a conclusión clara en Vigo das eleccións celebradas o pasado domingo é o rexeitamento ao bipartidismo
Cando analizamos uns resultados electorais vemos que non é o mesmo manterse nunha tendencia, e o BNG mantén a tendencia á baixa, que ter unha baixada rechamante de 10 ou 17 puntos, manifestou Iolanda Veloso. Neste sentido, destacou que eses resultados indican o rexeitamento ao acordo entre PP e PSOE para aplicar as políticas de recortes que tanto están castigando á cidadanía.
A voceira nacionalista sinalou que a perda de aproximadamente 2.000 votos do BNG na cidade se corresponde coa tendencia dos últimos resultados electorais. Porén, considerou que de ese descenso non se pode deducir que o BNG sufra un castigo explícito por unha posición determinada, en relación ao papel do Bloque como única oposición ao goberno de Caballero.
Basta xa ás políticas de recortes
O responsable local, pola súa banda, asegurou asemade que dos resultados electorais en Vigo se desprende un basta xa ás políticas de recortes e austeridade que emanan da Unión Europea e que son aplicadas polos gobernos do Estado e a Xunta de Galiza.
Obxectivo: ter presenza en Bruxelas
Henrique Viéitez, ademais, salientou que o BNG acadou o resultado de ter presenza en Bruxelas, pese as dificultades coas que se atopou a fronte nacionalista ao longo da campaña. Mencionou ao respecto o recorte da presenza do BNG nos medios públicos galegos tras o recurso presentado por UpyD.
Recuperación interna
Por outro lado, e como elemento positivo da campaña electoral, destacou a recuperación do BNG no plano interno. Explicou que, pese a partir dunha situación nada fácil, notouse o esforzo da militancia no desenvolvemento da campaña, austera e sufragada polos propios militantes. Neste sentido apuntou que o Bloque foi capaz de mobilizar a máis de cen persoas para traballar ao longo da campaña.
Recuperamos o compromiso da militancia que facía anos que non notabamos, apuntou, ao tempo que asegurou que ao seu xuízo aínda que baixamos en votos subimos en presenza social e maior achegamento á cidadanía.
Traballo no Concello
Tomamos nota de que a cidadanía viguesa non quere o pacto entre PP e PSOE, destacou Iolanda Veloso, quen avanzou que en consecuencia, o BNG seguirá mantendo a mesma posición de defensa dos intereses das persoas que máis necesitan o apoio das administracións.
Neste sentido recordou que pacto acadado en Vigo entre PP e PSOE responde unicamente a intereses partidistas porque ven a ameaza que supón a proposta e o discurso de outras forzas, polo que tentan frealas. Ao respecto sinalou que para o BNG son tremendamente prexudiciais para a cidadanía porque non resolven en absoluto os seus problemas, como acontece coas axudas de emerxencia.