Ana Miranda: "É un revés para toda Galiza que o Porto de Vigo siga sendo de segunda categoría"
A eurodeputada nacionalista Ana Miranda cualificou de "mazazo para Vigo e para o conxunto de Galiza" o acordo pechado onte nos trílogos, -as negociacións entre Consello, Comisión e Parlamento-, polo que se confirma que o Porto vigués se mantén como infraestrutura secundaria dentro da Rede Transeuropea de Transportes (RTE-T) 2014/2020.
"É un enorme revés que, de confirmarse, terá graves consecuencias para esta infraestura básica no entramado económico de Vigo e comarca e, polo tanto, para o conxunto da economía do país", salienta Miranda.
Miranda amosouse moi crítica "coa sucesiva acumulación de despropósitos políticos do Goberno central, tanto do PSOE como do PP, que tivo como último lamentable episodio a votación da Comisión de Industria da Eurocámara en decembro de 2012, onde ambas forzas política excluiron ao Porto de Vigo das emendas de compromiso que terían permirtido ao porto vigués entrar na rede principal, priorizando outras infraestruturas do Estado".
Miranda salientou que o BNG mantén a presentación en Plenario, a través do Grupo Verdes/ALE, da emenda na que solicitará a inclusión do Porto de Vigo na rede nodal para ser votada en Plenario cando o documento pase o trámite final do Parlamento Europeo. "Somos conscientes de que as opcións son escasas, pero queremos esgotar todas as posibilidades", salientou.
Neste sentido, a eurodeputada confía en que o Porto Vigués forme parte da Autoestrada do Mar que conectará o norte de Africa co norte Francia, na ruta Alxeciras-Vigo-Le Havre. As autoestradas do mar son infraestruturas de primeiro nivel e, polo tanto, subsceptibles de recibir importantes recursos do fondo que financiará a RTE-T, dotado con 30.000 millóns de euros.