Iolanda Veloso acusa a Caballero de partidismo e non querer consenso para defender Peinador
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, acusou ao alcalde da cidade de facer un uso partidista da institución que preside e non traballar a prol do consenso na defensa de Peinador. A convocatoria onte dunha concentración a prol do aeroporto, feita no Concello e só co grupo socialista é un claro exemplo do seu partidismo, denunciou Iolanda Veloso.
Se o alcalde quere realmente convocar a toda a cidade para defender Peinador esta non é a maneira axeitada de proceder, subliñou a portavoz municipal nacionalista a respecto da convocatoria, quen criticou que Caballero utilice a alcaldía para convocar unha manifestación do PSOE.
Por outro lado, Iolanda Veloso defendeu que o BNG sempre presentou iniciativas na defensa da terminal viguesa. Nesta liña, lembrou que o grupo municipal do Bloque propuxo no pleno de abril sacar adiante unha declaración conxunta das tres formacións políticas con representación municipal en defensa do igual trato de Peinador aos outros dous aeroportos galegos.
Ninguén debe esquecer que o alcalde rexeitou esta proposta, salientou a nacionalista, quen tamén recordou que Caballero rexeitou asemade a celebración dun pleno extraordinario para abordar o futuro da terminal viguesa. Coas súas declaracións e as súas actuacións Caballero demostra continuamente que non quere o consenso, asegurou.
Segundo destacou Veloso, o alcalde non debe esquecer que é un alcalde en minoría, e por isto mesmo debería esforzarse en tender pontes e achegar a acordos. Ap seu xuízo, se o alcalde quere que a concentración sexa de toda a cidade terá que conseguir sumar vontades.
Problemas prioritarios
Para o BNG hai temas máis urxentes que solventar e polos que o alcalde podería convocar concentracións, apuntou Iolanda Veloso, en referencia aos dramáticos datos de desemprego, a situación do naval ou o porto nodal. Estes son os problemas prioritarios para o BNG, salientou, quen lembrou asemade que aínda está sen convocar o plan de compensación contra a crise.
A grave situación que atravesan moitas persoas desempregadas de Vigo e que incluso pasan fame necesitan tamén o apoio do alcalde, defendeu a portavoz nacionalista. Pedimos ao alcalde que faga cousas por esta cidade, e non polo alcalde ou polo PSOE, destacou.
Potenciar o turismo
Iolanda Veloso lembrou, por outro lado, que o Concello non ten competencias sobre Peinador. Porén, salientou que si hai posibilidade de traballar polo aeroporto desde o goberno local, como é potenciando o turismo e impulsando a celebración de congresos na cidade.
A situación do aeroporto vigués sería moi diferente á actual se o goberno vigués se preocupase por reactivar o turismo, subliñou a nacionalista, ao tempo que reiterou que a solución para Peinador non pasa por subvencionar billetes de avión desde o Concello, senón apostando por un sistema aeroportuario galego baseado na complementariedade e na especialización.