A asemblea do BNG respalda por unanimidade o primeiro tramo da lista ás municipais de 2015

A asemblea do BNG respalda por unanimidade o primeiro tramo da lista ás municipais de 2015

A candidatura, encabezada por Serafín Otero, representa sectores agredidos pola crise, segundo salientou o responsable local, Henrique Viéitez

 

OVigo, 20 de novembro de 2014.- Os dez primeiros nomes da candidatura do BNG de Vigo para as municipais de 2015, encabezados polo secretario comarcal da CIG Serafín Otero, resultaron respaldados pola totalidade dos votos emitidos na asemblea local da fronte nacionalista, celebrada hoxe no hotel Coia.

Ademais de Serafín Otero, candidato á alcaldía, conformarán o primeiro tramo da candidatura Vitoria Iglesias, representante do feminismo e da Marcha Mundial das Mulleres; Manuel González, médico de familia e representante da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública; Ernes Rodríguez, traballadora de Citroen e vinculada ao nacionalismo; Manuel Caride, responsable comarcal do BNG.

Tamén forman parte da lista Dolores Rodríguez, médica especialista de Dixestivo do hospital Xeral; Diego Santorio, actualmente en desemprego e membro da asociación de solidariedade internacionalista Mar de Lumes; Elsa Quintas, coordinadora da Mesa pola Normalización Lingüística; Xabier Pérez, activista social e político; e Maribel Tato, socia fundadora de Kalandraka e Redelibros e copropietaria da librería Cartabón.

Asemblea intervención Henrique Viéitez

Lista froito do proceso “Construíndo futuro”

“Esta lista é o resultado do proceso iniciado hai dous meses e que hoxe foi aprobada tras o debate que se produciu na asemblea”, destacou o responsable local do Bloque vigués. Asemade, Henrique Viéitez puxo en valor que se tratou dun proceso, desenvolvido baixo o lema “Construíndo futuro” “moi rico na medida en que houbo aportacións diversas”, con ampla participación da militancia.

Asemade, o responsable local salientou que nestes primeiros dez postos da lista, avaldos previamente polo Consello local, van persoas “non militantes do BNG, pero si moi vencelladas ao nacionalismo, e representantes dos sectores máis agredidos pola crise”, como a sanidade, a lingua ou a cultura.

“Quero salientar a coherencia e a honestidade das persoas que integran a lista como valores para potenciar no traballo que temos que desenvolver até as eleccións”, afirmou Henrique Viéitez nas súas declaracións aos medios, ao tempo que fixo fincapé en que o BNG “apostou por ampliar a súa base social e até maio ten que facer un traballo intenso”.

 

A asemblea do BNG respalda por unanimidade o primeiro tramo da lista ás municipais de 2015