O BNG denuncia que o goberno négase a facilitar información sobre a venda de terreos municipais
Iolanda Veloso pregunta na xerencia de Urbanismo pola venda dunha parcela en Rosalía e novamente Carmela Silva contesta que terá resposta por escrito
Vigo, 28 de novembro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, denuncia que o goberno local non facilita a información que se lle reclama nas sesións da xerencia de Urbanismo sobre a venda de diferentes parcelas municipais. Así, hoxe volveu preguntar pola venda dunha parcela na rúa Miragaia (ao carón de Rosalía de Castro), despois de que na sesión do 3 de novembro preguntara pola venda de terreos en Navia mediante poxa pública para construír chalés.
Segundo explica Iolanda Veloso ao respecto, a resposta obtida na xerencia de hoxe foi que se lle contestaría por escrito, pero que os cartos serían utilizados conforme á lei. A voceira nacionalista lembra que esta contestación é a mesma que lle deu Carmela Silva á pregunta que fixo a portavoz nacionalista sobre os terreos de Navia, pero que aínda non foi respondida.
Nós non dubidamos de que a actuación que pretenda o goberno sexa legal, senón que preguntamos polo criterio político que leva ao goberno a tomar esta decisión, subliña a voceira do Bloque. Preguntamos para que queren os cartos; a nós nos din que nos contestarán por escrito, mentres que ao PP lle din que é para conseguir cartos para a Cidade da Xustiza. O problema é que non queren deixar constancia disto por escrito do seu compromiso con este proxecto, denuncia.
Iolanda Veloso reitera que o BNG non comparte a venda destes terreos, que no caso da parcela en Miragaia parte dun prezo de poxa de máis de un millón de euros, igual que non comparte a a venda dos pisos de Rosalía en lugar de destinalos a vivendas sociais. Asemade, critica o escurantismo das actuacións do goberno vigués, ao non facilitar a información requirida en diversas ocasións.
Petroglifo en Matamá
Por outro lado a portavoz municipal do BNG presentou unha pregunta relacionada co petroglifo existente en Matamá, que no PXOM figura como ben cultural. Queremos saber que vai pasar con este ben cultural tras a ampliación do polígono previsto en Balaídos, manifestou
Ao respecto, Iolanda Veloso, a voceira nacionalista preguntou se esta ampliación, que se levará a cabo mediante un convenio de colaboración entre o Concello e Zona Franca, afectará ao petroglifo. Sería un problema que no caso de resultar afectado o petroglifo, quedase dentro dos terreos da factoría, como xa aconteceu coa mámoa do Mercantil, manifestou a voceira nacionalista, para quen é fundamental saber se o goberno local vai desenvolver algunha actuación especial para garantir a súa protección.