Aymerich: As vivendas baleiras dos bancos deben integrar un patrimonio público de vivenda"
O cabeza de lista BNG por Pontevedra, Carlos Aymerich, destacou este mércores que o BNG quere que as vivendas baleiras que teñen os bancos, e que pasarán a integrar o banco malo, constitúan un patrimonio de vivenda público. Tras a xuntanza celebrada coa representante de Adicae, Iria Aguete, e o portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, o candidato subliñou que este é o modelo polo que aposta o Bloque para que as familias desafiuzadas poideran facer efectivo o dereito a unha vivenda digna.
Segundo destacou Carlos Aymerich, o próximo goberno que saia das urnas o 21 de outubro ten que facer unha política social de vivenda. Indicou que na reunión abordaron as diversas propostas do BNG, coincidentes moitas delas coas que apunta Adicae, para que as familias non sexan desafiuzadas. Mencionou fórmulas como a dación en pago, a moratoria durante 3 anos do pagamento da hipoteca e a conversión das hipotecas en arrendamentos con opción a compra.
Nun momento no que se están saneando os bancos con cartos públicos, concretamente con máis de 21.000 millóns de euros a fondo perdido mentres se recorta de sanidade e educación vaise crear un banco malo. Nós propoñemos que en Galiza as vivendas baleiras se integren nun patrimonio público de vivenda, manifestou.
O candidato do BNG sinalou que na xuntanza tamén se tratou o estado no que se atopa o proceso de arbitraxe a respecto das preferentes e as subordinadas. Neste sentido lamentou que con este procedemento menos do 7% das persoas afectadas viron solucionado seu problema, polo que neste momento a inmensa maioría están aínda á espera ou con esa porta xa pechada.
Solucións colectivas
Aymerich apuntou que con esta situación concordan as declaracións de Feijoo no sentido de que a arbitraxe só ía ser solución para unha porcentaxe situada entre o 10 e o 15% dos afectados e entre o 90 e 95% ía quedar fóra desa vía. Dende o Bloque Nacionalista galego seguimos avogando por solucións políticas. Entendemos que esta foi unha fraude orquestrada politicamente e ten responsbeis, polo que a solución ten que ser colectiva, indicou.
O cabeza de lista do BNG salientou que hai unha solución ben fácil, que consiste en que Novagalicia Banco, neste momento participada polo Estado a través do Frob nun 93%, acordase non opoñerse á demanda colectiva da Fiscalía para que automaticamente houbese unha sentenza de conformidade e a demanda da Fiscalía nas súas pretensións fose estimada polo xuíz na súa totalidade.
A situación dos afectados e afectadas de Forum, Afinsa e Arte e Natureza foi outro dos temas abordados no encontro. Carlos Aymerich explicou que o BNG recolle a demanda de Adicae para que os créditos ICO, concedidos aos afectados e afectadas hai 5 anos polo 10% dos cartos defraudados, sexan prorrogados. Queremos que os afectados por esta fraude non se vexan abocados a ter que devolver un crédito cando aínda non cobraron o diñeiro que lles foi defraudado.