Guillerme afirma en Gondomar que "votar BNG é apostar por vivir e traballar en Galiza con dignidade"
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, asegurou esta tarde en Gondomar que votar polo BNG o día 21 é apostar pola esperanza, polo dereito a vivir e traballar en Galiza con dignidade. Vázquez participou nunha charla-coloquio na que tamén interviñeron, entre outras, a candidata do BNG pola comarca, Marta Dacosta, e o cabeza de lista por Pontevedra, Carlos Aymerich.
Durante a súa intervención, Guillerme Vázquez afirmou que o día 21 hai dúas alternativas, ou apostar por Feijóo, por máis do mesmo, que coas súas políticas nos leva ao desastre económico e a que a maioría da sociedade se empobreza, ou apostar polo BNG, que é o voto da esperanza, do dereito humano a vivir e traballar en Galiza con dignidade.
Precisamos un goberno na Xunta que defenda a Galiza e á súa xente e ese goberno só pode vir da man do BNG, subliñou.
Mudar as políticas de recortes
Pola súa parte, o cabeza de lista BNG por Pontevedra, Carlos Aymerich, defendeu esta tarde en Gondomar que só hai un camiño para botar ao PP da Xunta e mudar as políticas de recortes, depositando a confianza no Bloque Nacionalista Galego o vindeiro 21 de outubro. Nesta liña asegurou que o BNG nunca favorecerá os recortes, como fan outras forzas políticas en Andalucía ou Estremadura.
Carlos Aymerich subliñou que é posible desenvolver unha política diferente á que está levando a cabo Feijoo na Xunta, que non supoña un ataque directo ao peto dos cidadáns e cidadás. O PP di que non vai cambiar nada, porque non quere que cambie nada, pero si son posibles outras políticas, manifestou, ao tempo que subliñou que para acadar este reto cómpre superar o desencanto que propicia o propio Partido Popular.
O candidato considerou que as propias enquisas indican que a gran maioría dos galegos e galegas queren que o PP deixe de gobernar en Galiza, polo que salientou que o reto do BNG é convertir esa maioría social nunha maioría nas urnas o 21 de outubro.