O Bloque acusa ao goberno vigués de asumir as políticas do Partido Popular por razóns electorais
Iolanda Veloso: Non podemos valorar positivamente a liquidación orzamentaria porque reflexa a aplicación de políticas de dereitas por parte do goberno vigués
Vigo, 31 de marzo de 2014.- A portavoz municipal nacionalista, Iolanda Veloso, asegurou que o BNG non pode valorar positivamente a liquidación dos orzamentos de 2013 defendida polo goberno local posto que reflexa a aplicación de políticas de dereitas no Concello de Vigo. Veloso salientou as consecuencias negativas que ten o pacto PP-PSOE para a cidade, como o acordo da amortización da débeda, a venda dos pisos de República Arxentina ou a negociación coas aeroliñas.
O apoio que logrou este goberno non é casualidade, senón que é pola coincidencia absoluta nas súas políticas, porque escoitando a Carmela Silva mesmo podemos pensar que estamos no Parlamento galego ou na Deputación de Pontevedra, subliñou a voceira nacionalista na súa intervención. Neste sentido destacou que ao PSOE convénlle asumir as políticas do PP por razóns electorais e sinalou que neste cambio de posición, para o alcalde xa non hai chantaxes, senón que son condicións.
Precisamente a respecto da liquidación dos organismos autónomos, Iolanda Veloso lembrou que o PSOE opúxose na Deputación a supresión das entidades do organismo provincial baixo o argumento de que non estaban de acordo co 'como', mentres aquí parece que está a favor. Porén, denunciou que non temos ningunha información sobre o suposto aforro que supón a liquidación dos organismos autónomos.
As mentiras de Abel Caballero
A voceira nacionalista tamén mencionou o cambio de posición do Partido Popular, facendo referencia a unha información colgada na páxina web do PP na que fala das mentiras de Abel Caballero, nas que fala das 6.000 vivendas protexidas polo alcalde, 47 escolas infantís, o aumento das bolsas escolares, entre outros asuntos.
Quero lembrarlles que quen emendou os orzamentos para construír as escolas infantís, para aumentar as partidas para os comedores escolares e para crear o plan de emprego foi o BNG, subliñou Iolanda Veloso, quen denunciou que temos superávit no Concello de Vigo pero a xente segue sen recibir as axudas que precisa.