Iolanda Veloso: Tememos que tras o escurantismo do pacto PP-PSOE estea a privatización de servizos"
O BNG demandou información en todas as xuntanzas dos organismos autónomos sobre a materialización da súa disolución, que non foi facilitada
Vigo, 2 de abril de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, expresou a preocupación do Bloque por que a disolución dos organismos autónomos do Concello, enmarcada no pacto entre PP e PSOE, teña como consecuencia a privatización dos servizos que prestan eses propios organismos. Por mor deste acordo entre populares e socialistas, a voceira nacionalista criticou que o Partido Socialista está asumindo as políticas privatizadoras dos populares.
Iolanda Veloso explicou que nos dous últimos días foron convocados os organismos autónomos de xeito urxente para aprobar os seus orzamentos, e que en todos eles os representantes nacionalistas demandaron información sobre a materialización da súa disolución, información que non foi facilitada polo goberno.
O PSOE non contestou a nada agás a señora Carmela Silva que dixo que a xerencia non se disolve, sinalou a portavoz do BNG, quen engadiu que para a tenente de alcalde era normal que o Bloque non tivera información sobre os diferentes aspectos do pacto entre populares e socialistas e que xa a tería cando se debatese no pleno.
Pola contra, segundo destacou Iolanda Veloso, o Bloque ten moi clara a súa posición, e quen ten que explicar á cidadanía as consecuencias do insólito pacto son o PP e o PSOE. Para a voceira do BNG, trátase dun pacto escurantista e sen ningún tipo de transparencia, polo que subliñou non entender que se non convide a sumarnos se non temos ningún tipo de información.
Porén, a portavoz do BNG apuntou que o PP e o PSOE aínda están negociando o pacto en tanto que o Partido Socialista negouse a incluír no documento orzamentario dos organismos autónomos a disolución dos mesmos, pese a que o PP o pediu en reiteradas ocasións.
Consecuencias nos organismos autónomos
Iolanda Veloso destacou a necesidade de que PP e PSOE expliquen como vai afectar ao persoal e aos usuarios dos organismos autónomos a súa disolución. Neste sentido criticou que non só o BNG non ten información de que vai acontecer con estes organismos, senón que non a teñen nin traballadores nin usuarios.
Preocúpanos esta situación, da que non temos información, porque tememos que o escurantismo teña a intención acorde coas políticas do PP de privatizar os servizos, manifestou a voceira nacionalista, alertando de que neste caso suporía a contratación de empresas para prestar os servizos que prestan o IMD, Vigozoo e EMAO.
Ao respecto sinalou que incluso na xunta reitora da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO), o concelleiro Santos Héctor insistiu en que as actividades desta entidade son impropias do Concello de Vigo. A portavoz do Bloque criticou asemade que o goberno non fale de prazos á hora de poñer en marcha esta disolución pese a que xa se lle preguntou.