O Bloque acusa a PP e PSOE de deixar a Vigo sen partido xudicial, igual que sen porto nodal

O Bloque acusa a PP e PSOE de deixar a Vigo sen partido xudicial, igual que sen porto nodal

Iolanda Veloso lembra que o Bloque leva anos presentando iniciativas en todas as administracións defendendo a continuidade da demarcación viguesa

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Vigo, 5 de abril de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, criticou a decisión do Ministerio de Justicia de deixar a Vigo sen partido xudicial e destacou que “grazas ao Partido Popular e ao Partido Socialista nin partido xudicial, nin Cidade da Xustiza nin vivendas sociais”. A voceira nacionalista lembrou ademais que o BNG sempre defendeu a necesidade de que Vigo contara con esta demarcación xudicial e neste sentido ten presentado diversas iniciativas.

“Está claro que a comisión do PP de Vigo non serviu de nada pero condicionou os orzamentos e fai que se vendan vivendas de propiedade municipal para expropiar os terreos para a cidade da xustiza, tal e como aceptou o PSOE”, salientou Iolanda Veloso, quen alertou de que “agora o goberno galego terá que ver se vai facer logo da decisión do goberno do Estado de deixarnos sen partido xudicial”.

Recentralización do estado

Para a voceira do Bloque vigués, a supresión do partido xudicial da cidade é “unha consecuencia máis da recentralización do estado e do poder das provincias”, algo que ao seu xuízo provoca graves prexuízos á cidadanía galega e, neste caso, aos vigueses e ás viguesas, ao dificultar o acceso á xustiza.

Iolanda Veloso avanzou que o BNG seguirá defendendo que Vigo manteña o seu partido xudicial, tal e como fixo até agora nas administracións nas que ten representación. “Desde o Bloque faremos todo o posible para que Vigo non perda o partido xudicial”, asegurou, ao tempo que cualificou de “alucinante que Vigo quede sen partido xudicial igual que o porto non fose nodal”, todo elo “grazas a PP e PSOE”, puntualizou.

 

O Bloque acusa a PP e PSOE de deixar a Vigo sen partido xudicial, igual que sen porto nodal