O BNG insta ao alcalde a explicar á cidadanía por que pon ao PP a gobernar Vigo
Iolanda Veloso critica que co pacto entre socialistas e populares implántanse en Vigo as políticas de recortes
Vigo, 4 de abril de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, demandou ao alcalde de Vigo que explique por que deixa a cidade en mans do PP e da Xunta e pon aos populares a gobernar Vigo. Con este pacto o alcalde condena aos vigueses e as viguesas a pagar o que non quere pagar a Xunta, subliñou a responsable nacionalista, en referencia ao novo hospital e a venda de pisos municipais para pagar a Ciade da Xustiza.
Non temos coñecemento nin dos orzamentos nin do pacto entre PP e PSOE, pese a que temos reclamado a información en reiteradas ocasións, criticou Iolanda Veloso, quen considerou que o acordo entre populares e socialistas aboca a Vigo a unha situación terrible, posto que vai deixar sen recursos por ter que asumir os gastos da Xunta.
A voceira nacionalista recoñeceu ironicamente que en efecto se trata dun pacto histórico para a cidade. Ao respecto explicou que na campaña electoral das municipais de 2011 o BNG asumiu o compromiso de que en Vigo non gobernaría o PP e agora é Caballero quen pon a gobernar ao PP.
Explicacións políticas
Temos curiosidade por coñecer o pacto, os orzamentos e por que o alcalde pon a gobernar ao PP en Vigo, manifestou Iolanda Veloso, quen tamén demandou coñecer de onde parte esa decisión, se de Santiago ou Madrid. Pedimos explicacións por esta situación insólita na cidade, subliñou.
A portavoz do BNG vigués reclamou ao alcalde que dea as explicacións reclamadas con máis calma e lonxe da diarrea verbal que padece. Segundo apuntou Iolanda Veloso en referencia ás acusacións manifestadas por Caballero contra o Bloque, se alguén está botado ao monte e el, posto que nós pedimos debate e explicacións políticas
Para a nacionalista non ten sentido que se escandalice de que o BNG alerte de posibles privatizacións cando é el mesmo quen pacta coa forza que ten os recortes e as privatizacións por bandeira. Nós non entendemos que o alcalde pacte co partido que privatizou o novo hospital, manifestou Iolanda Veloso, quen denunciou que o pacto entre populares e socialistas lévanos á maior privatización dos servizos públicos, como xa dixemos a respecto do primeiro borrador.
Recorte do plan contra a crise
Neste sentido lembrou que ese primeiro borrador das contas para 2014 recorta os cartos para axudas e para o plan social contra a crise, que se transforma en tres partidas diferentes para distintas finalidades. A redución de 1,5 millóns de euros é a cantidade que corresponde ás subvencións ás aeroliñas. E para nós isto non é destinar recursos públicos a políticas sociais, criticou.
A voceira do Bloque salientou que este pacto consolida a implantación das políticas de recortes do PP tal e como denunciou o BNG sobre a disolución dos organismos autónomos pode ter como consecuencia a privatización de servizos públicos. Ao respecto comentou a reacción do alcalde perante esta manifestación. Nós nos entendemos que o alcalde pacte co partido que privatizou o novo hospital, sinalou.
En referencia á aprobación hoxe, xa 4 de abril, do documento orzamentario en xunta de goberno, e os conseguintes prazos na súa tramitación, Iolanda Veloso demandou tamén información sobre as axudas municipais a persoas sen recursos. Queremos saber como e cando van recibir as axudas sociais as persoas que as necesitan, tendo en conta como se xestionou o ano pasado o plan de compensación contra a crise, reclamou.
Por outro lado, Iolanda Veloso lembrou que en xullo de 2013 o pleno da corporación aprobou unha moción do BNG instando a controlar o gasto en publicidade e propaganda. Diso non hai nada e no borrador dos orzamentos mantéñense as mesmas partidas de Alcaldía, criticou.