O BNG defende unha resposta de ampla base social contra a supresión do partido xudicial
Olaia Fernández cualifica ao ministro Gallardón de absolutamente inxusto porque alonxa a xustiza das persoas
Vigo, 7 de abril de 2014.- A deputada do Congreso, Olaia Fernández; a deputada no Parlamento galego, Carme Adán; a portavoz municipal, Iolanda Veloso; e o responsable local, Henrique Viéitez, subliñaron a radical oposición do Bloque ao anteproxecto de Lei Orgánica de Poder Xudicial. Neste sentido, o responsable local nacionalista que debe haber unha resposta de ampla base social contra esta reforma porque nos afecta a todos.
Viéitez avanzou que o Bloque xa iniciou os contactos cons diversas entidades sociais e comprobamos o rexeitamento de todas, asegurou. O BNG promove que haxa unha resposta conxunta para que a resposta sexa o máis ampla posible, destacou, ao tempo que considerou que non só os partidos xudiciais de Vigo e de Tui teñen que responder a este ataque.
Redución de 41 partidos xudiciais en Galiza
A deputada Olaia Fernández criticou o obxectivo do anteproxcecto de lei, que segundo explicou pretende que en Galiza só haxa un partido xudicial por provincia, pasando dos 45 actuais a 4. Aprobaron este anteproxecto sen negociar e sen diálogo cos estamentos da xudicatura, criticou Davila.
Segundo denunciou a deputada nacionalista, o ministro Gallardón traballou neste anteproxecto facendo ouvidos xordos ás demandas sociais, polo que ao seu xuízo demostra unha total incapacidade para o diálogo. Ademais, considerou que Gallardón é totalmente inxusto para a cidadanía. Ao respecto criticou que a reforma impulsada polo PP alonxa a xustiza das persoas, incluso fisicamente e vai en contra dos intereses da cidadanía.
Iniciativas do BNG
Preguntarémoslle a Gallardón se vai respectar a proposición non de lei aprobada, sinalou Fernández Davila, a respecto do acordo que acadou co PP o pasado mes de decembro e aprobado por unanimidade para que na elaboración do proxecto de lei de reforma da Demarcación e Planta se teñan en conta as especificidades xeográficas, sociais e económicas propias das diferentes comunidades autónomas, de modo que se deseñe unha estrutura organizativa xudicial flexíbel, moderna e especializada, en coordinacións coas CCAA con competencias transferidas, a sala de goberno dos Tribunais Superiores de Xustiza e o Consello Xeral do Poder Xudicial.
Pola súa banda, a deputada Carme Adán avanzou que o BNG tamén presentará diversas iniciativas no Parlamento galego contra este anteproxecto de lei e instando á Xunta a que defenda o partido xudicial de Vigo.